Deputación de Lugo

O Presidente asiste á entrega do XXV Premio Aresa á empresa friolense Traloagro polo seu compromiso co desenvolvemento sostible

PREMIO ARESA
JOSÉ TOME
Premio Aresa

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asistiu este venres ao acto de entrega do XXV Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, que tivo lugar no Auditorio da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo. Este ano, o recoñecemento foi outorgado á empresa Traloagro con sede en Friol, pola súa aposta polo desenvolvemento sostible. 


José Tomé felicitou aos premiados e puxo en valor a actividade que desenvolve a entidade empresarial no municipio friolés onde combina a crianza de vacas de raza rubia galega, coa de polos e de galiñas con prácticas sustentables. “Traloagro é un exemplo claro de como a innovación, a sostibilidade e a tradición poden ir da man para crear un proxecto que non só mellora o rural, senón tamén o benestar das persoas”, afirmou o Presidente. Engadiu que “a súa aposta por un modelo de gandería ecolóxica, o peche do círculo de produción e comercialización, e a súa implicación no coidado do medio ambiente amosan o camiño que debemos seguir para un futuro máis sostible”.


O Presidente subliñou que esta edición é algo máis significativa, xa que, marca as vodas de prata deste premio. Ademais, tivo un especial recordo para o seu fundador, Álvaro Rodríguez Eiras, recentemente falecido e quen ideou este premio co apoio da Universidade de Santiago de Compostela (USC). “Os Premios Aresa son unha das iniciativas máis importantes que recoñecen o esforzo e a innovación no noso rural. Este galardón destaca as mellores prácticas empresariais, e pon en valor a capacidade do noso sector primario para adaptarse aos tempos actuais, integrando innovación e sustentabilidade”.


A entrega do premio conta cunha dotación económica de 10.000 euros e foi outorgado tras un proceso de selección no que participaron trece candidaturas. O xurado, composto polo reitor da USC, Antonio López; o vicerreitor do Campus de Lugo, Francisco Fraga; a presidenta de Aresa, Carlota López; o director xeral de Torre de Núñez, Manuel Núñez; e o catedrático da USC, Senén Barro, destacou a Traloagro pola súa capacidade para ofrecer solucións innovadoras no mundo rural e o impacto positivo que xera na sociedade.