Deputación de Lugo

A Deputación e a Plataforma MVRO comparten que o Museo da Romanización é un proxecto “irrenunciable”

Pilar García Porto
Reunión Plataforma Mvro

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo vén de manter un encontro cos integrantes deste colectivo e coincidiron en que esta dotación é fundamental para que Lugo poida ofrecer as máis de 15.000 pezas que ten almacenadas

“Hai que rematar con esta discriminación histórica da Xunta con Lugo, agora vémonos sometidos ao dobre castigo de levar tantos anos perdidos sen esta instalación e por outra ter que renunciar a outros investimentos para levala a cabo”, sinalou García Porto

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, vén de manter no Pazo de San Marcos un encontro coa Plataforma en Defensa do Museo da Romanización no Cuartel de San Fernando (MVRO). Na reunión, a Deputación e entidade veciñal integrada por máis dun cento de colectivos compartiron que o Museo da Romanización é un proxecto “irrenunciable” para cidade de Lugo e para a provincia.

 

Coincidiron en que esta dotación cultural “é fundamental para que Lugo poida amosar todo o que ten para ofrecer” e nese sentido lembrou que hai máis de 15.000 pezas de diversa cronoloxía altoimperial e baixoimperial recuperadas ao longo de 30 anos de escavacións que se encontran almacenadas en diferentes dependencias municipais ou en domicilios particulares pola falta dun espazo apropiado.

 

A Deputada explicou tras o encontro que a Xunta non cumpriu con Lugo porque “o compromiso adquirido, que pasaba porque o Goberno galego fixese un museo por provincia. Si levou a cabo ese compromiso na Coruña, en Ourense e en Pontevedra, pero non cumpriu con Lugo, e vai sendo hora de que o faga”. Nese sentido, valorou García Porto os 500.000€ anunciados polo Executivo autonómico como insuficientes e lamentou que “descarguen” en Lugo e nos lucenses a súa responsabilidade de protexer o patrimonio arqueolóxico sendo a Administración coas competencias. “Hai que rematar con esta discriminación histórica da Xunta con Lugo, agora vémonos sometidos ao dobre castigo de levar tantos anos perdidos sen esta instalación e por outra ter que renunciar a outros investimentos para levala a cabo”, sinalou a Deputada.

 

Lembrou que o Concello de Lugo cumpriu coa súa parte investindo 2,5M€ na adquisición do inmoble e outros 150.000€ en tarefas de conservación, pero que agora o Goberno galego debe ser quen financie a reforma da envolvente e a cuberta.