Cultura
Deputación de Lugo

A Vicepresidencia da Deputación incrementa ata os 500.000 euros as liñas de axuda ao tecido cultural de base

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
cultura
AXUDAS ASOCIACIÓNS CULTURAIS

 A Vicepresidencia da Deputación de Lugo incrementa ata os 500.000 euros – 120.000 euros máis que o ano pasado – o orzamento destinado ás convocatorias de axudas para o tecido cultural de base.

A Xunta de Goberno provincial aprobou este venres as bases destas liñas de axuda, unha destinada á organización de actividades de dinamización cultural, dotada con 315.000 euros, e outra dirixida a financiar investimentos en instalacións e equipamento nos seus locais sociais, de 185.000 euros.

A deputada de Cultura Iria Castro sinalou que “con esta ampliación do orzamento, pretendemos atender o crecente interese por esta convocatoria, despois do incremento de solicitudes da ultima anualidade, unha demanda que valoramos como mostra do dinamismo do asociacionismo cultural"

Nesa liña, indicou que a maioría dos colectivos beneficiarios destas liñas de axuda son pequenas asociacións de parroquias e concellos, nos que actúan como referentes culturais, programando actividades pero tamén impulsando estudos, investigacións e iniciativas de posta en valor do patrimonio local”

A convocatoria de subvencións publicarase no Boletín Oficial da Provincia nos vindeiros días, abríndose daquela o prazo de solicitude para as entidades interesadas.  As bases e os modelos de solicitude estarán dispoñibles tamén na web da Deputación de Lugo.