Deputación de Lugo

O Presidente felicita a Miguel Fernández na súa toma de posesión como Alcalde de Lugo e destaca “a súa capacidade de traballo e compromiso”

José Tomé Roca
miguel fernández
Lugo
Toma de posesión Miguel Fernández

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asistiu este martes no Salón de Plenos do Concello de Lugo ao Pleno de Constitución, no que Miguel Fernández, Deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, tomou posesión do seu cargo como novo Alcalde de Lugo. Unha sesión á que tamén asistiron deputados e deputadas do Goberno provincial.

No acto, José Tomé aproveitou a ocasión para felicitar a Fernández pola súa nova responsabilidade e subliñou “a súa capacidade de traballo e compromiso” con Lugo. Asegurou o mandatario provincial estar convencido de que, “coa  súa traxectoria e dedicación, Miguel asumirá esta nova etapa con éxito”. 

O mandatario provincial expresou o seu compromiso de seguir mantendo unha estreita e fluída colaboración entre a Deputación e o Concello da capital da provincia. “A súa experiencia política será unha peza clave para continuar cos proxectos que temos en marcha, conxuntamente, entre a Deputación e o Concello, para seguir avanzando na construción dunha cidade moderna, mellorar a calidade de vida dos lucenses e favorecer o progreso económico da cidade”, sinalou o Presidente.