Deputación de Lugo

O Presidente entrega a 133 traballadores da Deputación e de 38 Concellos os diplomas do segundo semestre do Plan Agrupado de Formación

Plan agrupado
José Tomé Roca
Pilar García Porto
Entrega diplomas Plan Agrupado
José Tomé Roca recoñeceu o traballo dos participantes nas accións formativas que ofreceu a institución provincial e destacou que “a formación é clave para garantir unha Administración máis moderna, máis eficaz e máis próxima aos cidadáns”

Máis de 800 acreditacións dun total de 20 cursos realizaron estes cursos centrados na administración electrónica, urbanismo e medio ambiente, xurídico-procedemental, novas tecnoloxías, transparencia, políticas de igualdade, prevención riscos laborais, RRHH e atención ao cidadán

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, xunto á Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, entregou este venres no Salón de Actos do Pazo de San Marcos os diplomas a 133 empregados e empregadas públicos da propia institución e de 38 concellos que completaron os cursos do Plan de Formación Continua 2024. 

 

A Deputación organizou 20 accións, con máis 800 diplomas expedidos. “A formación é clave para garantir unha Administración máis moderna, máis eficaz e máis próxima aos cidadáns. O mundo cambia rápido e, con el, as necesidades e esixencias da nosa sociedade”, subliñou o Presidente, quen engadiu que “a mellor forma de prestar un servizo de calidade é asegurarnos de que os nosos profesionais están preparados e actualizados”.


José Tomé subliñou que esta nova edición do Plan Agrupado “foi un éxito, froito do compromiso entre esta institución e os profesionais que a compoñen”, ao tempo que asegurou que, dende a Deputación de Lugo, “cremos firmemente na necesidade de investir en formación, porque investir nisto é investir nunha mellor atención aos cidadáns”. Asegurou que “cando os traballadores públicos melloramos as nosas competencias, melloramos como Administración e como sociedade”.

 

O mandatario provincial deu os parabéns a todo o persoal público que recibiu estes diplomas, desexándolles que esta formación “sexa un paso máis no seu compromiso coa aprendizaxe continua e coa excelencia no servizo público”. Asegurou José Tomé que “a súa dedicación e esforzo son a mellor garantía dun servizo público á altura das necesidades da nosa provincia”.

 

O Plan Agrupado de Formación Continua 2024 incluíu accións centradas nos recursos humanos, transparencia e bo goberno, novas tecnoloxías, políticas de igualdade, procedementos xurídicos, atención ao cidadán, saúde laboral ou urbanismo e medio ambiente.