Deputación de Lugo

A Deputación aproba un investimento de 350.000€ para mellorar 4 estradas en Láncara, Lugo e O Corgo

Xunta de Goberno
Pablo Rivera Capón
Xunta Goberno
A Xunta de Goberno licitou os traballos de acondicionamento da LU-P-1602, entre San Cristovo e Romeán; a LU-P-1606, de Adai a Queizán de Abaixo; a LU-P-2918, entre Lugo e Adai por Santa María de Bóveda; e a LU-P-2703, da Pobra de San Xiao a Carracedo

O Deputado de Promoción Económica e Social destacou que desde o comezo do ano a institución provincial ten aprobado a mellora de 43 estradas ao seu paso por máis dunha vintena de concellos cun investimento de 5M€

Aprobadas as autorizacións de uso a 89 beneficiarios dos hortos urbanos da Deputación do Parque do Rato, en Lugo, por dous anos, prorrogables por outros dous

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres a licitación das obras para mellorar catro estradas ao seu paso polos concellos de Lugo, O Corgo e Láncara, cun investimento conxunto de 350.000€. Así o informou o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, tras a reunión semanal celebrada esta mañá no Pazo de San Marcos. “Seguimos a facer un esforzo investidor enorme para rehabilitar, manter e mellorar a rede de estradas da nosa provincia, cumprindo coa palabra dada do Presidente”, valorou Rivera Capón. 

Nese sentido, o Deputado sinalou que entre Lugo e O Corgo quedou licitado un proxecto, por 276.894,63€, para a mellora de tres estradas “que articulan a comunicación entre ambos concellos”. Por unha banda, a Deputación actuará nos últimos cinco quilómetros da LU-P-1602, que é a estrada que conecta as parroquias de San Cristovo e Romeán; empezando a actuar á altura da parroquia de Adai; mellorará os primeiros quilómetros da LU-P-1606, no tramo que vai de Adai a Queizán de Abaixo; e tamén acondicionará os últimos metros da LU-P-2918, que é a estrada que une Lugo con Adai por Santa María de Bóveda, e que sirve de enlace coa LU-P-1602 no seu tramo final.

As obras en todas as vías consistirán na reapertura de cuneta, reparación de desperfectos, repavimentación e pintado. O prazo para a execución destes traballos será de 3 meses desde o inicio das obras.

En Lancára, a Deputación aprobou investir máis de 72.976,37€ na mellora de medio quilómetro da LU-P-2703, que vai da Pobra de San Xiao a Carracedo. Os traballos afectarán ao inicio da vía no tramo urbano da Pobra, desde o cuartel da Garda Civil ata o Campo da Feira, e consistirán na reapertura de cunetas, pavimentación e reposición da sinalización vertical e pintado da estrada. Neste caso, o prazo de execución dos traballos será de dous meses desde o inicio das obras.

“Desde que comezou o ano, xa aprobamos a mellora de 43 estradas provinciais ó seu paso por máis dunha vintena de concellos desta provincia cun investimento de preto de 5M€”, destacou o Deputado. “Unha cantidade que supón máis do 40% da anunciada polo Presidente no primeiro paquete do Plan de estradas, dotado con 12M€ e que servirá para acondicionar este ano máis de 280 quilómetros en vías de toda a provincia”, engadiu.

Hortos Urbanos


A Xunta de Goberno aprobou ademais as autorizacións de uso por 2 anos, prorrogables a 4, dos hortos urbanos do Parque do Rato a 89 usuarios e usuarias destes espazos. Deles, 39 son para antigos usuarios que se lles acababa a concesión e outras 50 para novos beneficiarios. “Actualmente, temos a pleno rendemento este proxecto, pois están activas 140 parcelas públicas que poñemos a disposición da cidadanía na contorna do Rato de maneira totalmente gratuíta co obxectivo de fomentar o lecer medioambiental, a agricultura ecolóxica e os hábitos de vida saudables”, destacou Pablo Rivera. 

Ademais do propio uso das parcelas, os beneficiarios contan cun servizo no que reciben
atención e asesoramento en temas como a horticultura ecolóxica ou calquera outro aspecto relacionado cos terreos, como pode ser a xestión dos recursos, os materiais e a
maquinaria existente.