A Deputación lidera un proxecto de cumprimento normativo que arrancará este mes cunha xornada divulgativa aberta e gratuíta

Esta cita enmárcase nunha iniciativa da institución provincial que dotará aos participantes dun servizo de asesoramento, formación, consultaría e as ferramentas necesarias destinadas a mellorar o cumprimento normativo
Deputación de Lugo lidera un proxecto de cumprimento normativo que arrancará este mes de marzo cunha xornada divulgativa aberta e gratuíta que se celebrará o vindeiro xoves, día 27. A cita será no Salón de Actos do Pazo de San Marcos desde as 9.30 horas, poderán apuntarse entidades públicas ou privadas e os interesados en participar poderán inscribirse en: compliancelugo.com.
O obxectivo desta iniciativa é o de sensibilizar sobre a importancia do cumprimento normativo, as mellores prácticas na materia, as vantaxes da súa implementación, claves para unha xestión eficaz ou os beneficios para os organizadores. Durante a mañá, a xornada contará con diferentes charlas, conferencias e mesas redondas formadas por diferentes expertos e especialistas en Dereito con formación na materia de cumprimento normativo como Alain Casanovas, socio de KPMG. Pola tarde, realizaranse dous talleres de traballo específicos, con grupos reducidos de 10-12 persoas e un dirixido a entidades públicas e outro a entidades privadas.
Esta xornada será o punto de partida dun proxecto completo da Deputación de Lugo sobre cumprimento normativo ao que poderán apuntarse os Concellos de toda a provincia. A iniciativa, que comeza con esta xornada divulgativa, contará tamén cunha fase de diagnose, formacións e soporte nas que se dotará ás entidades municipais ademais dun servizo de asesoramento, consultaría e as ferramentas necesarias destinadas a mellorar o cumprimento normativo durante un ano.
A través deste proxecto a Deputación axudará a aliñar as institucións da provincia co cumprimento da Lei 2/2023, a mellorar a xestión de denuncias e solicitudes, fortalecer a eficiencia das organizacións, mellorar na transparencia e a reputación dos concellos.
Programa da xornada de divulgación
9:30 horas.- Recepción dos asistentes
10:00 horas.- Presentación institucional da xornada a cargo do Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca
10:15 horas.- Introdución ao Compliance e ao sistema interno de información, por Alain Casanovas Isla, socio de KPMG Avogados e responsable nacional da área de Compliance
11:00 horas.- Entrevista a Ricardo Ron, subdirector da Autoridade galega de protección da persoa informante, por Juan Pablo Lerena, avogado en Lerena Roca Avogados
11:45 horas.- Pausa para café
12:15 horas.- Compliance no sector público, a cargo de Alejandro Canónico, Doutor en Dereito Administrativo da Universidade de Villanueva; José Ignacio Herce, Doutor en Dereito Administrativo da Universidade Rey Juan Carlos; Fernando González, avogado especialista en Dereito Administrativo; e Lourdes del Amo de la Fuente, avogada experta en compliance. Modera Cristobal Dobarro, avogado e Doutor en Dereito Administrativo
13:15 horas.- Mesa redonda sobre compliance officers formada por Paul Rodríguez, Compliance Officer de Navantia; e Alberto Pallón; Compliance Officer de Caixa Rural Galega. Modera Alberto García, Presidente da Asociación Galega de Compliance
14:00 horas.- Clausura a cargo do Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón