Deportes e mocidade
Deputación de Lugo

Aberto o prazo de solicitude dos premios para deportistas de modalidades individuais que convoca a Vicepresidencia da Deputación, cun investimento de 150.000 euros

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
Deportes
PREMIOS DEPORTISTAS INDIVIDUAIS
A dotación desta liña de apoio ao deporte aumenta nun 50 por cento respecto ao último ano;  distribuiranse 338 bolsas entre 300 e 2.500 euros

O prazo de solicitude estará aberto ata o 4 de abril incluído

A área de Deportes convoca un ano máis os Premios para deportistas individuais, unha liña de axudas ao deporte dotada con 150.000 euros, un 50 por cento máis que na última anualidade.

Este luns -24 de marzo- abriu o prazo de solicitude das achegas, un total de 338 premios – 108 máis que na última anualidade –  que se distribuirán entre deportistas con residencia na provincia, que teñen acadado, como mínimo, un podio nun campionato provincial ao longo de 2024.

O incremento da dotación orzamentaria amplía a cobertura desta liña de subvencións en concorrrencia competitiva que ten como obxectivo fomentar a participación de deportistas de modalidades individuais en competicións, contribuíndo a financiar os gastos asociados a esa actividade. As bolsas oscilan entre os 300 e os 2500 euros, en función dos resultados deportivos acreditados.

O vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro sinalou que “este ano damos un novo impulso a esta liña de apoio ao deporte, cun incremento de 50.000 euros, que permitirá seguir ampliando a súa cobertura. Nos últimos anos, incrementáronse de forma moi notable a demanda destas bolsas e tamén o nivel competitivo con deportistas lucenses, con excelentes resultados nas súas participacións en probas tanto de nivel galego como estatal”.

O responsábel provincial explicou que “a convocatoria trata de responder sobre todo ás necesidades de deportistas en etapas de iniciación, e polo tanto de colaborar nuns gastos que atenden fundamentalmente as familias,  desde licenzas ou inscricións en competicións ata transporte ou o material deportivo”.

O prazo de solicitude permanecerá aberto ata o 4  de abril. As bases e modelos de solicitude están dispoñibles nesta ligazón.