Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

A Deputación colabora con Special Olympics na organización dos xogos autonómicos de natación

SPECIAL OLYMPICS GALICIA
Pablo Rivera Capón
O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, destacou na presentación da cita, que se celebra este sábado, o compromiso da institución provincial, que achega 8.000€ a este colectivo para promover a práctica deportiva entre as persoas con discapacidade de toda Galicia

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou este mércores na presentación da 27ª edición dos xogos autonómicos de natación que organiza Special Olympics este sábado na piscina lucense das Pedreiras. Esta actividade, que forma parte do programa que desenvolve a entidade galega para promover a práctica deportiva entre as persoas con capacidades diferentes, conta cunha achega da Deputación de Lugo de 8.000€.

Rivera Capón puxo en valor o traballo de Special Olympics en Galicia, “baseado no compromiso, no altruísmo e na vocación de servizo ós demais que, sostido no tempo, é tremendamente inspirador para todos os que nos dedicamos á función pública”. Algo que, segundo engadiu o Deputado, “conecta directamente coa nosa forma de entender a política, de aí a nosa aposta como piar indiscutible polas políticas sociais”.

“Nos case 30 anos que leva Special Olympics traballando en Galicia ten convertido o deporte nunha ferramenta potentísima para a inclusión en termos de accesibilidade, educación, visibilización e diversidade de oportunidades”, valorou Pablo Rivera que eloxiou á entidade de levar a inclusión “a outro nivel” e animou a todos e todas a participar na cita do sábado, que se desenvolverá desde as 10:45 horas. 

Na presentación desta mañá, que tivo lugar na Sala de Novas Tecnoloxías do Concello de Lugo participaron xunto ao Deputado, o presidente de Special Olympics, Eladio Fernández Pérez; e o concelleiro de Xuventude, Deportes e Urbanismo, Jorge Bustos, entre outras autoridades.