O Presidente recibe ao novo Alcalde de Lugo para abordar as principais liñas de colaboración entre a Deputación e o Concello
Destacaron as obras do desdobramento de Infanta Elena, nas que a institución provincial inviste 1,3M€, e avanzaron que nas vindeiras semanas se iniciará a fase final dos traballos que afectarán da glorieta de Garaballa de Arriba á de Benigno Rivera
“Miguel ten demostrado unha capacidade de liderado e unha dedicación exemplar ao servizo público, ademais é compañeiro na Deputación de Lugo polo que estamos en constante comunicación”, valorou o mandatario provincial
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, recibiu este martes ao novo Alcalde de Lugo, Miguel Fernández Méndez, no Pazo de San Marcos. Un encontro que serviu para reforzar o compromiso de ambos coa lealdade institucional, fortalecer a colaboración entre entidades e sinalar os proxectos estratéxicos comúns.
“Miguel ten demostrado unha capacidade de liderado e unha dedicación exemplar ao servizo público, ademais é compañeiro na Deputación de Lugo polo que estamos en constante comunicación”, valorou o mandatario provincial. Tomé Roca sinalou que con Fernández na Alcaldía “aseguramos a continuidade dos proxectos que están a transformar positivamente a cidade, seguindo co modelo polo que apostou Lara Méndez e que tivo continuidade con Paula Alvarellos”.
Entre os proxectos destacados puxeron en valor algúns, como as obras do desdobramento da avenida Infanta Elena, nas que a institución provincial inviste 1,3M€ e avanzaron que nas vindeiras semanas se iniciará a fase final dos traballos, que afectarán da glorieta de Garaballa de Arriba á de Benigno Rivera. Unhas obras coas que, asegurou o Presidente “estamos anticipándonos ás necesidades do futuro da cidade, creando espazos máis seguros e cómodos para os peóns, mellorando o transporte público e garantindo que Lugo estea preparado para os retos futuros”.
José Tomé Roca recibiu ao Rexedor no Despacho presidencial e fíxolle entrega dunha miniatura da fachada de San Marcos gravada en cristal sobre unha base de granito e un exemplar da publicación Hospital de Isabel II. A continuación, Fernández firmou no Libro de Ouro, logo o Presidente e o Alcalde atenderon aos medios de comunicación e remataron o encontro cunha reunión privada.
Preto de 4M€ da Deputación destinados a infraestruturas clave
Abordaron, ademais de Infanta Elena, outros apoios e colaboracións estratéxicas entre a Deputación e o Concello de Lugo nos últimos anos. Entre eles, sinalaron a achega de máis de medio millón de euros que a institución provincial fai a través do Plan Deputación; as colaboracións con eventos fundamentais para a promoción da cidade como o Caudal Fest ou o Arde Lucus; ou as diferentes actuacións nas estradas provinciais que teñen repercusión nas comunicacións da capital.
José Tomé Roca lembrou que desde que el é Presidente da Deputación, nos últimos seis anos, a institución provincial investiu na mellora das estradas e vías provinciais ao seu paso por Lugo preto de 3,7M€. Entre as actuacións máis destacadas, puxo en valor a rehabilitación do firme da LU-P-2901, que conecta Lugo polo Burgo con Palas de Rei; a do cinto comarcal ao seu paso pola capital; accesos a bens patrimoniais como Santa Eulalia de Bóveda; ou o acondicionamento completo do firme nunha infraestrutura vital para a cidade como é a estrada do Río Rato, onde tamén con cargo a investimentos da Deputación acometeuse o proxecto do carril bici e melloras de humanización en toda contorna. No encontro abordaron tamén futuros proxectos estratéxicos para a cidade.
Un Alcalde “moi emocionado”
Pola súa banda, Miguel Fernández asegurou estar "moi emocionado” de poder firmar como Alcalde de Lugo no Libro de Ouro da Deputación. Unha institución “pola que sinto un profundo agarimo e da que me sinto parte como Deputado” e puxo en valor todo o traballo da Administración en beneficio dos 67 concellos da provincia.
"A colaboración entre o Concello e o Goberno provincial está a permitir que a nosa cidade consolide o seu proxecto modernizador, permitíndonos así mellorar a calidade de vida dos nosos veciños, e o que non é menos importante, dinamizar o noso tecido produtivo xerando riqueza, xerando emprego e fixando poboación”, sinalou. Agradeceu ao Presidente pola súa disposición, “sempre a colaborar e traballar con calquera Alcalde que así llo solicite desta provincia”, pero tamén “polo trato que sempre tivo comigo en calquera dos cargos que tiven a honra de desempeñar”.