Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación supervisa o avance das obras do Parque Central e das vías de acceso

José Tomé Roca
Pilar García Porto
parque central de Galicia
Visita ás obras do Parque Central de Galicia
Esta semana rematan os traballos na estrada que conecta Antas de Ulla e Nugallás e xa está moi avanzado o acondicionamento do camiño perimetral do complexo, cun investimento total da institución provincial de máis de 600.000€

As actuacións do futuro centro xeográfico avanzan estes días cos remates do edificio multiusos, a construción do pórtico de entrada e o templete, e está completa a instalación da depuradora e da cometida eléctrica

José Tomé Roca: “Sabemos que este vai ser un polo turístico importante para o concello, a comarca da Ulloa e a provincia, e continuamos a traballar para cumprir co noso compromiso de poñelo a disposición dos veciños e veciñas canto antes”

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e a Alcaldesa de Antas de Ulla e Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, supervisaron o avance das obras do futuro Parque Central de Galicia e das vías de acceso que a institución provincial ten en marcha para facer realidade este complexo, cunha superficie aproximada de 20.000m2, situado en Nugallás, na parroquia ulloá de San Fiz de Amarante. 

O mandatario provincial e a Alcaldesa, acompañados polos técnicos responsables da obra, anunciou que esta semana rematan os traballos de aglomerado en quente no firme da estrada LU-P-0301, que conecta a capitalidade de Antas de Ulla con Nugallás, entre o punto quilométrico 0,3 ao 3,6. Esta actuación, apuntou José Tomé Roca, que consistiu tamén no movemento de terras, a drenaxe mediante a colocación de tubaxes adecuadas e a limpeza de cunetas, “é de gran relevancia xa que soportará un alto volume de tráfico ao ser o acceso en ambas direccións tanto para os veciños e veciñas, e a vía que comunica coa provincia de Pontevedra por Rodeiro, como para os visitantes”. 

Explicou ademais o Presidente que a maiores desta obra xa está moi avanzado o acondicionamento do camiño perimetral do futuro parque, o que suma entre estas dúas actuacións un investimento total de máis de 600.000€. 

“Sabemos que este vai ser un polo turístico importante para o concello, a comarca da Ulloa e a provincia, e continuamos a traballar para cumprir co noso compromiso de poñelo a disposición dos veciños e veciñas canto antes”, valorou o Presidente. 

Comprobaron durante a visita o avance doutras actuacións acometidas na parcela que a institución provincial está a acometer para poñer en valor o centro xeográfico de Galicia, e que avanzan estes días “a moi bo ritmo”, explicou Tomé Roca. “Estamos xa cos remates do edificio multiusos, a construción do pórtico de entrada e o templete, e está completa a instalación da depuradora e da cometida eléctrica”, subliñou. 

Un espazo público no centro de Galicia


A empresa UTE Ovisa-Provisa é encargada de levar a cabo o proxecto, que inclúe un pórtico de entrada, unha praza e un monolito situado xusto nas coordenadas 7º 54’ 38,99” W 42º 45’ 25,15 N, que indican a posición exacta do punto medio da superficie da comunidade autónoma galega. Ademais, dun templete, o edificio multiusos, un parque infantil e fontes, contará con iluminación, sinalización e mobiliario urbano. 

O edificio multiusos terá unha única planta e incluirá un porche de acceso, salón de actos, vestíbulo que servirá de recepción, dous aseos adaptados e un despacho. En canto ao templete será aberto con columnas de pedra que soportarán a cuberta. Ademais, na zona do monolito utilizarase pavimento continuo de cuarzo vermello terracota, e o monólito será de pedra natural. 

Polo que respecta a explanada de xogos contará cuns 32 metros de longo e 19,60 metros de ancho, pensado para crear un espazo de ocio para as familias, escolares e o desenvolvemento de actividades. Entre os dous edificios, a zona de xogos e o monolito, haberá un camiño de acceso central e un sendeiro perimetral peonil. Contémplase ademais a instalación de dúas fontes que contarán con auga apta para o consumo humano, a iluminación do conxunto do complexo, sinalización e unha serie de mobiliario como papeleiras de madeira, bancos e mesas de pedra para poñer a disposición dos visitantes.