Deputación de Lugo
Infraestruturas

A Deputación inicia as obras de aglomerado da vía provincial que conecta Trabadela e A Ría, en Trabada

estradas provinciais
Trabada
Os traballos, que se están a realizar na LU-P-6101, contan cun investimento de máis de 130.000€ e afectan a un tramo de 2,2 quilómetros que vai do punto quilométrico 1,300 ao 3,500

A Deputación de Lugo vén de iniciar o estendido do aglomerado das obras de mellora do firme da estrada provincial LU-P-6101, a vía que une Trabadela e A Ría por Sante. Estes traballos contan cun investimento da institución provincial de 130.776,58€ e consisten na apertura de cunetas, a pavimentación do firme con aglomerado en quente, o balizamento e a sinalización horizontal mediante marcas reflexivas brancas.

As actuacións afectan a un treito de 2,2 quilómetros, en concreto, ao tramo que vai do punto quilométrico 1,300 e 3,500 e contan cun prazo de execución de dous meses. 

Trátase dun importante proxecto para os veciños e veciñas da zona, pois esta vía provincial conecta varias parroquias mariñás, vertebra o norte do municipio trabadés e, ademais, une a LU-P-6104 desde Trabada coa N-640. 

Con estes traballos a institución provincial renova practicamente a totalidade da vía LU-P-6101, posto que se suman ás actuacións acometidas noutro tramo desta estrada, o situado entre os puntos quilométricos 3,554 e o 7,556. Para este proxecto a Deputación destinou case 176.000€ o que supón un investimento total para o acondicionamento desta vía de máis de 305.000€.