Deputación de Lugo

Muimenta convértese este 1 de maio na capital da filloa co apoio da Deputación de Lugo

Festa da Filloa
Muimenta
Carlos López
Presentación da Festa da Filloa de Muimenta
O Deputado Carlos López participou este xoves na presentación da XXXIV Festa da Filloa, “unha cita que vai moito máis alá do gastronómico” e á que a institución provincial achega 3.000€ “para manter viva a nosa identidade, a nosa cultura e a nosa tradición”

O Deputado de Medio Ambiente, Carlos López, participou este xoves no recinto feiral Manolo Vila de Muimenta na presentación da XXXIV Festa da Filloa. Xunto ao xerente da Asociación de Comerciantes, Empresarios, Profesionais, Gandeiros e Autónomos de Muimenta, José Manuel Rus Rodríguez, o responsable provincial lembrou que a Deputación destina 3.000€ a esta cita que se celebrará o vindeiro xoves, 1 de maio.

“Falamos dunha cita que vai moito máis alá do gastronómico. Aquí celébrase a nosa identidade, a nosa cultura e tamén a nosa capacidade de manter vivas as tradicións a través do tempo”, destacou Carlos López. Fixo especial mención á Escola de Filloeiros e Filloeiras, “un exemplo claro de como garantir o relevo xeracional”.

Na presentación explicaron os organizadores que ademais da degustación de filloas, esta edición contará con expositores de artesanía e produtos galegos, obradoiros, degustación de xamón de Porco Celta, música, unha exhibición de Agility e o pregón, que este ano correrá a cargo do actor coruñés Denís Gómez. No acto de presentación desta tarde tamén estivo presente o Alcalde de Cospeito, Armando Castosa, e o Deputado de Rural, Daniel García Fernández.