A Deputación de Lugo licita por medio millón de euros un proxecto para ofrecer 500 cursos en competencias dixitais
Baixo o nome de E para dixitalizarse Lugo a institución impartirá estes talleres nos 55 concellos da provincia de menos de 5.000 habitantes co obxectivo, explicou a Voceira socialista do Goberno, “de facer fronte á brecha dixital que existe no territorio”
A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres licitar por medio millón de euros un proxecto de formación que ofrecerá 500 cursos en competencias dixitais á veciñanza da provincia. Baixo o nome de E para dixitalizarse Lugo, esta iniciativa, financiada con fondos europeos, ofertará contidos relacionados coa ofimática, informática básica, ciberseguiridade, redes sociais ou o uso dos teléfonos móbiles. Así o avanzou a Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, tras a sesión semanal.
“Na Deputación de Lugo somos plenamente conscientes da necesidade de facer fronte a esa brecha dixital que existe no territorio, porque cremos que a tecnoloxía non debe ser unha barreira senón unha ferramenta que facilite a nosa vida diaria”, valorou. Garantir a inclusión dixital, diminuír a brecha dixital, asegurar a adquisición de competencias dixitais básicas para a cidadanía e garantir tamén que as zonas en risco de despoboamento poidan aumentar a súa capacidade dixital son algúns dos obxectivos desta actuación que se enmarca no Reto Rural Dixital do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España.
Avanzou a Deputada que o proxecto, que durará ata o 20 de marzo de 2026, inclúe 500 accións formativas “directamente relacionadas coas necesidades tecnolóxicas da sociedade actual e que irán dirixidas á adquisición de coñecementos vinculados ás TICs”. Talleres e cursos que se impartirán nos 55 concellos da provincia que contan con menos de 5.000 habitantes, todos menos: Lugo, Monforte de Lemos, Viveiro, Vilalba, Sarria, Foz, Ribadeo, Burela, Chantada, Guitiriz, Outeiro de Rei e Castro de Rei.
Grazas a este proxecto, explicou Pilar García Porto, “a veciñanza aprenderá cuestións relacionadas coa busca de emprego ou o emprendemento. Tamén haberá formacións de especial interese para as familias, como por exemplo sobre os riscos de internet ou a dependencia dos dispositivos móbiles”. As persoas maiores, detallou, poderán aprender sobre o uso dos teléfonos, Google, a banca electrónica, ou ferramentas de comunicación como Whatsapp ou Telegram.
“Sabemos que as novas tecnoloxías traen consigo múltiples oportunidades e ademais son unha gran alidada á hora de crear emprego e impulsar os pequenos e medianos comercios. Unha cuestión que se atopa directamente relacionada coa loita contra o despoboamento e a fixación de poboación no rural”, subliñou. Unha iniciativa da Deputación mediante a que os veciños e veciñas da provincia poderán coñecer competencias básicas que lles permitirán desenvolverse “comodamente” no entorno dixital, que evoluciona con velocidade.
Líderes en captar Fondos Europeos
Ademais, informou de que a institución provincial ten en marcha o proceso de selección de persoal do posto de coordinador e enxeñeiro necesarios para realizar este proxecto que conta en total con 750.000€ de fondos captados de Europa.
Este capital súmase aos máis de 18 millóns de euros que captamos da Unión Europea desde o ano 2019. Fondos que permiten á Deputación poñer en marcha proxectos coma este; ou iniciativas coas que traballa a institución provincial na modernización e na dixitalización dos concellos: o Xeopadrón, que se asinou cos concellos recentemente, ou o programa Impulsa TIC.
Nesta liña, a Deputación de Lugo é unha das institucións provinciais de toda España que máis fondos recibiron xunto con outras como Barcelona, Sevilla ou Valencia. En concreto, para desenvolver este programa é a administración pública que, xunto á Deputación Provincial de Segovia, recibiu a maior contía.
Remanentes en Paradela
Ademais, a Xunta de Goberno aprobou a solicitude que realizou o Concello de Paradela para investir remanentes do Plan Deputación 2024 noutras actuacións. En concreto, este municipio destinará un total de 21.412,6€ para realizar melloras en diferentes camiños municipais na parroquia de Aldeosende.