Trabada celebra este domingo a Festa da Enfariñada coa axuda da Deputación

O Deputado de Medio Ambiente, Carlos López, participou este domingo xunto co Alcalde de Trabada, Rubén García, na celebración da sexta edición da Festa da Enfariñada. Unha cita á que a institución provincial achega 10.000€ para a súa organización e que reuniu a centos de persoas na Praza do Concello trabadense para degustar este prato típico do municipio.
Carlos López destacou a colaboración da institución provincial a esta “cita senlleira, que pon en valor unha cultura gastronómica capaz de atraer visitantes ao noso territorio”. Destacou o traballo que fai o Concello mariñán por enxalzar este produto, tamén chamado faragullos que se elabora con touciño, ovos, leite, fariña e auga.
Ademais de degustacións, a programación incluíu un mercado con produtos locais, artesanía e alimentación; e tamén a actuación musical co grupo tradicional Tumba e dalle e Lume.