Guitiriz volverá enxalzar a súa torta de millo o 1 de xuño con música e degustacións co apoio da Deputación

O Deputado de Participación Cidadá, Iván Castro, participou este xoves na Casa da Habanera guitiricense xunto á Alcaldesa de Guitiriz e Deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira Morandeira, na presentación da VIII Festa da Torta de Millo, que se celebrará o vindeiro 1 de xuño no Campo da Feira. Un evento que conta co apoio de máis de 40.000€ da institución provincial a través do Plan Deputación 2025.
Castro sinalou que a torta de millo de Guitiriz “non é só un produto gastronómico, senón unha tradición viva, unha receita transmitida xeración tras xeración que representa a esencia da nosa cociña e da nosa forma de entender o territorio”. Detallou que a cita encaixa “no modelo turístico que promove a Deputación de Lugo: un turismo sostible, de experiencias, no que as persoas veñen vivir o territorio, gozar da autenticidade e descubrir a nosa cultura dende dentro”. Nese sentido puxo en valor os establecementos artesáns que preparan esta torta, que fixeron chegar este doce a todo mundo.
Ademais, puxo en valor a presenza musical de artistas de primeiro nivel no panorama galego como Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, que presentarán o seu novo disco Axúdame a sentir, e A Banda da Loba, que inclúe Guitiriz na súa xira Lovismo. “Guitiriz vai ser ese día, un punto de encontro, un espazo de celebración e de orgullo compartido.
E desde a Deputación de Lugo seguiremos a apoiar este tipo de eventos que falan de nós e que promoven o rural”.
Ademais da tradicional degustación e venda do doce, a cita inclúe obradoiros, exposicións, xogos populares ou postos de polbo á feira.