A Deputación amplía o Lugo Termal con 220 prazas máis tras o éxito desta tempada

“Trátase dunha iniciativa que conta cunha gran acollida entre os lucenses. Para esta edición presentáronse nesa mesma mañá máis de 600 solicitudes e, a día de hoxe, xa estaban cubertas todas as prazas”, afirmou a Deputada
A Deputación de Lugo vén de aprobar na Xunta de Goberno deste venres a ampliación do Lugo Termal nun 20% co que poderá ofrecer aos veciños e veciñas da provincia 220 prazas máis para esta tempada nos balnearios de Lugo, Guitiriz, Pambre e Pantón. Así o anunciou a Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, tras a reunión deste venres.
García Porto explicou que “con este incremento pasaremos das 1.750 prazas ofertadas para esta tempada a 1.970, o que supón tamén un aumento na partida orzamentaria que pasa dos 121.605€ a case 146.000€”. A Voceira socialista explicou tamén que este acordo dá resposta á alta demanda desta iniciativa “sendo un programa que conta cunha gran acollida entre os lucenses. Para esta edición presentáronse nesa mesma mañá máis de 600 solicitudes,grac e, a día de hoxe, xa están cubertas todas as prazas”, avanzou.
A institución provincial ofrece así 220 prazas con estancia para esta tempada 2024/2025: 100 para o Balneario de Guitiriz; 100 para o Balneario de Augas Santas; 12 para o Balneario Río Pambre e 8 para o Balneario Termas de Lugo. Estas prazas cubriranse, en primeiro lugar, coas persoas que quedaron na lista de agarda e, despois, segundo a orde de solicitude. O prazo para solicitalas está xa aberto ata o 15 de novembro ou ata que se esgoten as prazas. As persoas interesadas poden consultar os modelos de solicitude en https://deputacionlugo.gal/es/temas/benestar/lugotermal.
En canto aos requisitos e as condicións para poder participar, Pilar García Porto sinalou que “son as mesmas que nas anteriores convocatorias. Os solicitantes deberán estar empadroados nalgún dos concellos da provincia e ter 50 anos de idade ou máis. Os beneficiarios, que poderán acudir cun acompañante sen límite de idade, obterán descontos e tamén, haberá diferentes técnicas e tratamentos a disposición das persoas usuarias”.
Así mesmo, recalcou que “a Xunta de Galicia ofrece para toda a comunidade unhas 1.230 prazas, 740 prazas menos das que ofertamos desde a Deputación de Lugo só para a nosa provincia. Esta comparativa deixa claro o enorme esforzo investidor que estamos a facer con este programa, que non só favorece e mellora a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas, senón que tamén contribúe a dinamizar a economía local e a impulsar o turismo termal no noso territorio”.