A Vicepresidencia impulsa unha nova edición do programa para pilotos noveis Volante Deputación, o 21 e 22 de xuño na Pastoriza

O prazo de inscrición abre o vindeiro 5 de xuño
A Vicepresidencia da Deputación impulsa un ano máis o Volante Deputación, un programa formativo e deportivo que ofrece a pilotos noveis a oportunidade de iniciarse na competición automobilística.
O circuíto da Pastoriza acollerá os días 21 e 22 de xuño este programa que mantén o formato das edicións anteriores, cunha parte formativa na que as persoas participantes reciben un curso de condución para igualar e equilibrar os coñecementos entre uns e outros, e outra puramente competitiva, cunha proba cronometrada da que sae o gañadora ou gañadora.
A persoa gañadora obterá como premio a participación gratuíta no Rally San Froilán 2025, como piloto titular dentro da estrutura do equipo de competición PTC.
O vicepresidente Efrén Castro valorou “a posibilidade que o Volante Deputación ofrece a pilotos noveis para formarse e entrar en contacto coa competición de forma gratuíta, alimentando desde a base a afección ao automobilismo que ten moito arraigo nas distintas comarcas. Vemos, nas distintas carreiras que se celebran ao longo do ano, que moitas das persoas que gañaron o Volante Deputación seguen participando nos rallys, o que constata tamén que hai un interese e un aproveitamento desa experiencia”, engadiu.
O Volante Deputación é un dos piares da rede de apoio da Vicepresidencia da Deputación a este deporte. Engádese unha convocatoria anual de axudas para pilotos de rally cunha dotación de 45.000 euros e a colaboración nas carreiras que se disputan nas distintas comarcas.
Inscricións do 5 ao 19 de xuño
O prazo para enviar os formularios de inscrición abrirá o mercores 5 de xuño ás 9:30 horas e rematará o 19 de xuño ás 12.00 horas. As bases e formularios de solicitude estarán dispoñibles na web de PTC Escuela, nesas datas.