Deputación de Lugo

O Presidente e o Alcalde de Lugo entregan os diplomas ás persoas que participaron nas formacións gratuítas dos hortos urbanos da Deputación

hortos urbanos
José Tomé Roca e Miguel Fernández Méndez compartiron a tarde con preto de 100 veciños e veciñas que se formaron a través deste programa da institución provincial que “promove o benestar, a sustentabilidade e fomenta hábitos de vida saudables”

As actividades continúan durante este mes de xuño e están abertas a todas as persoas que desexen participar, con temáticas tan diversas como a iniciación á micoloxía, técnicas sostibles de condución 4x4 en ámbitos forestais, cociña ou novas tecnoloxías

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o Alcalde de Lugo, Miguel Fernández Méndez, entregaron este martes os diplomas acreditativos ás persoas que participaron nas formacións gratuítas dos hortos urbanos da institución provincial. Xuntos compartiron a tarde na contorna do Río Rato con preto de 100 veciños e veciñas que se formaron a través deste programa.

“Desde a Deputación poñemos a disposición da cidadanía unha ampla programación formativa gratuíta coa que a veciñanza da provincia pode formarse en diferentes ámbitos de interese xeral, así como noutros temas relacionados coa importancia do coidado do medio ambiente ou a agricultura ecolóxica”, argumentou o mandatario provincial. Explicou que “con esta iniciativa promovemos o benestar e a sustentabilidade entre a veciñanza, fomentamos hábitos de vida saudables e ofrecemos formacións gratuítas de especial interese para os participantes”.

Tomé Roca lembrou que a Deputación pon á disposición da cidadanía, de xeito gratuíto, estes hortos urbanos no Paseo do Río Rato e que as persoas usuarias destes espazos teñen formacións internas permanentes destinadas a mellorar os cultivos. “Nestes momentos temos a pleno rendemento este proxecto, pois están activas 140 parcelas públicas na contorna do Rato”, valorou.

Explicou que este proxecto forma parte “da ampla acción que impulsamos para fomentar o coñecemento e a posta en valor do territorio, en concreto das Reservas da Biosfera, das que a nosa provincia é o máximo expoñente de Galicia. Por iso levamos a cabo todo tipo de iniciativas que aproveiten a nosa riqueza natural, tanto no eido do sector primario como no turístico”.

Pola súa banda, Miguel Fernández felicitou ás persoas que recibiron os diplomas porque “con elas contribuídes a fomentar aspectos tan importantes no noso municipio como son a agricultura ecolóxica e o coidado das nosas zonas verdes”. Ademais, agradeceu á Deputación “a súa sensibilidade co noso municipio á hora de levar a cabo este tipo de iniciativas formativas como son os hortos saudables, porque serven para reafirmar o no noso modelo de cidade; avanzar nese cinto verde que rodea Lugo e mellorar unha urbe que creo que se distingue precisamente polo seu rico patrimonio natural”. Por último, Miguel Fernández puxo en valor “este tipo de iniciativas, que favorecen o lecer medioambiental e os hábitos de vida saudables, así como a socialización”.

As actividades continuarán este mes de xuño e que están abertas a todas as persoas que desexen participar, con temáticas tan diversas como a iniciación á micoloxía, técnicas sostibles de condución 4x4 en ámbitos forestais, cociña ou novas tecnoloxías. En total, entre os cursos, as actividades e os talleres que se organizaron entre outubro do 2024 e maio deste ano, participaron no programa da Deputación unhas 800 persoas.

Aquelas persoas interesadas nos obradoiros poden consultar máis información na web hortosurbanos.deputacionlugo.org, chamar aos teléfonos 607 720 032 e 609 812 887 ou pedir máis detalles a través do correo electrónico hortosdorato@gmail.com.