A Deputación lanza Encoro Aventura, un programa de actividades gratuítas nas presas da provincia
Deportes acuáticos, BTT, sendeirismo científico e literario, astronomía, música ou enoturismo son algunhas das propostas que se desenvolverán entre o 28 de xuño e o 13 de xullo para grupos reducidos de persoas na contorna de catro encalcos
O prazo de inscrición ábrese hoxe, mércores, ás 13:00 horas e as persoas interesadas poden apuntarse a través da páxina web da Deputación de Lugo
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, anunciou este mércores que a Deputación de Lugo lanza Encoro Aventura, un programa de actividades gratuítas nas presas da provincia. Serán un total de 10 experiencias que se desenvolverán entre os días 28 de xuño e o 13 de xullo e para as que será imprescindible reservar praza a través da páxina web da Deputación: www.deputacionlugo.gal. O prazo de inscrición ábrese hoxe, mércores, ás 13:00 horas.
“Daremos a 140 persoas unha oportunidade única para coñecer o noso territorio a través de 10 accións exclusivas e personalizadas que reforzarán a nosa aposta por un turismo de calidade, sostible e diferenciado baseado nas experiencias”, avanzou García Porto. Deportes acuáticos, BTT, sendeirismo científico e literario, astronomía, música ou enoturismo son algunhas das propostas desta iniciativa da institución provincial. Encoro Aventura enmárcase en Turembalses, un proxecto turístico do Ministerio que pretende aproveitar estas construcións como recurso turístico e para o que a Deputación recibe 127.500€ de fondos europeos dos 700.000€ cos que está dotado a iniciativa.
Explicou a Deputada que haberá actividades na contorna dos embalses de Santo Estevo, Os Peares, Belesar e Grandas de Salime, implicando aos concellos lucenses de Monforte de Lemos, Sober, Pantón, O Saviñao, Chantada, Portomarín e Negueira de Muñiz.
“O programa baséase nun oferta de actividades cun marcado carácter de experiencia, nas que se ten primado a exclusividade, a personalización, a participación activa do visitante e o compoñente emocional”, detallou a Deputada. Informou que as propostas están dirixidas “a grupos reducidos –de 12 de persoas- con interese en coñecer en profundidade os valores da cultura, a paisaxe e o patrimonio local”.
O programa de actividades
Ioga entre viñedos
12 de xullo. 10:00 horas
Santa María de Pesqueiras. Encoro de Belesar
A actividade consistirá nun paseo de activación entre os viñedos, unha sesión de ioga ao aire libre e un pequeno xantar con produtos locais da Ribeira Sacra.
Baño de bosque na Embelesadora
5 de xullo. 12:00 horas
Ruta da Embelesadora, Taboada.
Percorrido pola ruta cun momento sensorial guiado e un almorzo con produtos locais.
Entre rochas e raíces
6 de xullo. 10:00 horas
Lugar de Chancís e Petroglifos de Nogueira. Embalse de Santo Estevo
Ruta desde o miradoiro sobre o encoro abordando aspectos da xeoloxía, a botánica e outros elementos científicos do canón.
Maridaxe estelar
5 de xullo. 22:00 horas
Presa dos Peares
Unha experiencia nocturna para descubrir o ceo estrelado. Haberá tamén un pícnic e unha visita a unha bodega local.
Bancais sobre rodas
29 de xuño. 10:00 horas
Encoro de Santo Estevo
Roteiro en bicicleta de 18 quilómetros pola Ribeira Sacra, con paradas clave nalgúns dos miradoiros máis impresionantes do canón do Sil e en restos arqueolóxicos milenarios.
Remando pola memoria do Sil
4 de xullo. 15:00 horas
Embarcadoiro de Ponte do Sil
Travesía en caiac polos canóns do Sil.
“Todo esto te daré”
11 de xullo. 17:00 horas
Aldea de Belesar. Os Peares
Unha visita guiada pola aldea de Belesar, a ruta irá acompañada da lectura de diferentes fragmentos da obra de Dolores Redondo.
Artes e Oficios do Miño
13 de xullo. 10:00 horas
Encoro dos Peares
Un paseo pola ruta do Pincelo, un sendeiro polo que coñecer técnicas e saberes vencellados á vida no rural, incluíndo un taller de cestería.
Tarde de pedra e ecos
28 de xuño. 17:30 horas
Igrexa de San Xoán de Portomarín
Visita guiada, pícnic ao aire libre e concerto de música medieval a cargo do grupo Canta Compaña na propia igrexa.
Baixo as estrelas de Negueira de Muñiz
28 de xuño. 19:00 horas
Negueira de Muñiz
Visita a unha cooperativa local, a unha bodega, cata guiada e ruta gastronómica. Á noite, observación astronómica acompañados por un experto e brinde baixo as estrelas.