O Presidente e a Alcaldesa de Antas supervisan os remates finais do Parque Central de Galicia
Xa está instalada a zona de xogos, as mesas, as farolas e os bancos e está en servizo o estacionamento. No edificio multiusos, o templete e o monolito estanse a realizar os últimos detalles
“Estamos cerca de poñer a disposición da veciñanza este servizo público, que estamos convencidos de que será polo turístico importante para o concello, a comarca da Ulloa e a provincia”, subliñou o mandatario provincial
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e a Alcaldesa de Antas de Ulla e Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, veñen de supervisar os avances dos últimos detalles do futuro Parque Central de Galicia, que pronto poderá estar a disposición da veciñanza. Este complexo que impulsa a institución provincial con 1,3M€ ten unha superficie aproximada de 20.000m2 e está situado en Nugallás, na parroquia ullá de San Fiz de Amarante.
“Estamos cerca de poñer a disposición da veciñanza este servizo público, que estamos convencidos de que será polo turístico importante para o concello, a comarca da Ulloa e a provincia”, valorou o Presidente.
Acompañados polos técnicos responsables da obra, que deron conta duns traballos que se centraron esta semana nas pérgolas do pórtico da entrada, o mandatario provincial e a rexedora percorreron o recinto. Comprobaron durante a visita o avance das actuacións acometidas na parcela coa que a institución provincial vai poñer en valor o centro xeográfico de Galicia. Nese sentido, xa está instalada a zona de xogos, as mesas, as farolas e os bancos e está en servizo o estacionamento. No edificio multiusos, o templete e o monolito estanse a realizar os últimos detalles.
Ademais, a institución provincial traballa tanto no camiño perimetral como na estrada que dá acceso ao recinto, a LU-P-0301. Unha obra “de gran relevancia” xa que como explicaba o Presidente, a vía soportará un alto volume de tráfico ao ser o acceso en ambas direccións tanto para os veciños e veciñas, como para os visitantes e a vía que comunica coa provincia de Pontevedra por Rodeiro. Entre estas dúas actuacións a Deputación leva investidos máis de 600.000€.
Un espazo público no centro de Galicia
A empresa UTE Ovisa-Provisa é encargada de levar a cabo o proxecto, que inclúe un pórtico de entrada, unha praza e un monolito situado xusto nas coordenadas 7º 54’ 38,99” W 42º 45’ 25,15 N, que indican a posición exacta do punto medio da superficie da comunidade autónoma galega. Ademais, dun templete, o edificio multiusos, un parque infantil e fontes, iluminación, sinalización e mobiliario urbano.
O edificio multiusos ten unha única planta e inclúe un porche de acceso, salón de actos, vestíbulo que servirá de recepción, dous aseos adaptados e un despacho. En canto ao templete é aberto con columnas de pedra que soportan a cuberta. Ademais, na zona do monolito, que é de pedra natural, conta con pavimento continuo de cuarzo vermello terracota.
A explanada de xogos é duns 32 metros de longo e 19,60 metros de ancho, un espazo de ocio para as familias, escolares e o desenvolvemento de actividades. O complexo conta tamén con dúas fontes de auga apta para o consumo, iluminación, sinalización e unha serie de mobiliario como papeleiras de madeira, bancos e mesas de pedra que estarán a disposición dos visitantes.