Deputación de Lugo

O Presidente e o Alcalde de Foz supervisan as obras acometidas pola Deputación na rúa Corporacións e na parroquia de Cordido

José Tomé Roca
Francisco Cajoto Caserío
Foz
Visita LU-P-6303
Ambas actuacións forman parte dun proxecto máis amplo no que se inclúe o acondicionamento e a mellora de 7 estradas provinciais que vertebran este municipio mariñán e no que a Deputación de Lugo investiu un total de 390.000€

José Tomé Roca destacou que “este proxecto está dentro do Plan de Mellora de Estradas que temos en marcha desde a Deputación de Lugo” e avanzou que “xa están en proceso de contratación preto do 90% dos 80 proxectos iniciais”

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o Alcalde de Foz e Deputado Provincial, Francisco Cajoto Caserío, veñen de supervisar, xunto a membros da corporación municipal, os traballos de acondicionamento e mellora que acometeu recentemente a institución provincial na estrada LU-P-2009, que une Peirao de Foz con Marzán por Bispo Santo, na rúa Corporacións, e na LU-P-6303, que conecta Campón con Cordido por Güin. Estas actuacións forman parte dun proxecto máis amplo no que a Deputación investiu un total de 390.000€ para acometer melloras nestas vías e noutras 5 estradas máis que vertebran este municipio mariñán. 

Os traballos que se realizaron na LU-P-2009 afectaron á totalidade da vía e consistiron no fresado do firme, na reapertura de cunetas, na pavimentación con aglomerado en quente e na renovación das marcas viarias reflexivas, as bandas de aparcadoiro e os pasos de peóns. Ademais, e tendo en conta que esta estrada está situada na contorna do campo de fútbol Martínez Otero, tamén se instalaron separadores de gota para reforzar a seguridade peonil nesta zona, moi frecuentada polos veciños e veciñas do municipio. 

En canto á LU-P-6303 as obras acometéronse no treito que vai do punto quilométrico 2,630 ao 4,741 e consistiron na reapertura de cunetas coa eliminación da vexetación e os soterramentos; a pavimentación do firme con aglomerado en quente e a sinalización vertical e sinalización horizontal mediante o repintado da vía con marcas reflexivas brancas. 

O mandatario provincial enmarcou estas actuacións no “firme compromiso que mantemos coa mellora da rede provincial, a máis extensa de España con máis de 4.000 quilómetros de lonxitude”. Incidiu tamén en que “este proxecto está dentro do Plan de Mellora de Estradas que temos en marcha desde a Deputación de Lugo co que acometeremos obras en 400 quilómetros de vías provinciais, cun investimento total que supera os 15 millóns de euros”. Neste sentido destacou José Tomé que “xa están en proceso de contratación preto do 90% dos 80 proxectos iniciais”. 

Pola súa banda, Francisco Cajoto agradeceu o apoio da institución provincial e destacou que se trata dun importante proxecto para o municipio de Foz “xa que son estradas que contan con gran afluencia de tráfico sobre todo nesta época do ano, pois conectan as zonas de interior coa costa e as praias”.

390.000€ para a mellora de 7 estradas


A maiores destas dúas actuacións, neste paquete tamén se incluíron melloras para outras 5 vías ao seu paso polo concello de Foz:

- Na LU-P-2001, a vía que conecta a estrada autonómica LU-152 e a Nacional 642, a Deputación mellorou os primeiros 6 quilómetros mediante a reapertura de cunetas, a pavimentación do firme con aglomerado en quente e a reposición da sinalización.
- Na LU-P-2013, que une o colexio de Nois coa Praia de Arealonga, reparouse o pavimento e mellorouse a seguridade na zona escolar co reforzo da sinalización.
- Na LU-P-2006, que vai desde A Cruz coa Praia de Llas, acondicionouse o pavimento e a sinalización no tramo que vai do punto quilométrico 0,949 ao 2,405.
- Na LU-P-2011, a estrada que comunica Marzán coa Praia de Llas, a Deputación arranxou os primeiros 700 metros da vía coa pavimentación e a sinalización.
- E na LU-P-3101, que vai de Areas á LU-152 por Oirán, realizáronse melloras na drenaxe no treito que vai do punto quilométrico 8,717 ao 13,024.
 

Visita estrada LU-P-2009