Deputación de Lugo

José Tomé Roca presidirá a Xunta Reitora da UNED de Lugo os vindeiros dous anos

José Tomé Roca
UNED
Xunta reitora da UNED
O Presidente da Deputación asumiu este cargo na reunión celebrada hoxe na sede que ten a universidade na capital lucense, na que tamén se aprobou un orzamento de máis de 1M€ para o centro de Lugo e as aulas de Monforte de Lemos, Viveiro e Foz

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presidirá de novo a Xunta Reitora do centro asociado da UNED de Lugo os vindeiros dous anos. Unha decisión que se acordou este xoves pola mañá nunha sesión ordinaria que celebrou a Xunta Reitora -ata o de agora presidida polo Alcalde de Lugo, Miguel Fernández- que se celebrou na sede que a universidade a distancia ten na cidade lucense. 

Nesta sesión, ademais de acordar o cambio da presidencia, que é un cargo rotatorio, tamén se lle deu o visto bo aos Orzamentos desta entidade educativa para o 2026, que ascenden a máis de 1M€ para o centro de Lugo e as aulas de Monforte de Lemos, Viveiro e Foz. Entre as novidades máis destacadas deste orzamento, salienta a continuidade e reforzo do proxecto #LugoNaturalMente, unha iniciativa pioneira para converter Lugo nun referente de desenvolvemento sostible, aliñada cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU e coa axenda 2030. Así mesmo, prevese unha ampla programación de máis de 100 actividades de extensión universitaria, consolidando o papel da UNED de Lugo como axente activo da cultura e a formación permanente.

A nivel académico, en 2026 a UNED de Lugo ofrecerá 25 titulacións de grao e cursos de acceso para maiores de 25, 40 e 45 anos, así como formación para persoas maiores (UNED Sénior) e unha extensa oferta de cursos de extensión. 

Tamén se repasou o curso anterior, onde a matrícula bateu récords con 1200 estudantes, un 9% máis que o curso pasado. Así mesmo, organizáronse 119 actividades nas que participaron 8150 persoas.

A Deputación de Lugo mantén un firme compromiso de colaboración coa UNED dende hai anos. A institución provincial financiou a construción da sede deste centro en Lugo, deixando de ser a única capital galega na que a Universidade a Distancia non tiña centro físico, e tamén axudou á súa consolidación.