Deputación de Lugo
Turismo

O Presidente reafirma o apoio da Deputación ao Criterium Aeronáutico, que consolida a provincia como referente no mundo da aviación

JOSE TOMÉ
Criterium Aeronáutico
José Tomé Roca presentou na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos unha nova edición deste evento ao que a institución provincial realiza unha achega económica de 10.000€ para o seu desenvolvemento

“Cremos na cultura da innovación, no valor da divulgación científica e técnica, e tamén no potencial do noso territorio para acoller citas que combinan espectáculo, formación e oportunidades”, apuntou o mandatario provincial

A cita aeronáutica terá lugar no Aeródromo de Rozas do 25 ao 27 de xullo, e contará cunha programación que inclúe salto en paracaídas, voos de introdución ou exposicións aeronáuticas

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca,presentou este xoves na Sala de Xuntas a décimo sétima edición do Criterium Aeronáutico, que terá lugar a próxima fin de semana de xullo, do 25 ao 27, no Aeródromo de Rozas. Na presentación deste evento que, coincidirá coa celebración da XXXIX edición da Volta Aérea Galaico-Duriense, tamén participou o Presidente do Real Aeroclub de Lugo, Francisco Javier Abelleira Álvarez e a Tenente de Alcalde e Concelleira de Cohesión Territorial do Concello de Lugo, Ana González Abelleira, entre outras autoridades. 

Na súa intervención, José Tomé destacou o compromiso da institución provincial que achega 10.000€ a un evento que "sitúa a provincia como referente no mundo da aviación deportiva e da divulgación científica". Subliñou que este apoio débese porque “cremos na cultura da innovación, no valor da divulgación científica e técnica, e tamén no potencial do noso territorio para acoller citas que combinan espectáculo, formación e oportunidades”. 

O Presidente enmarcou a colaboración tamén na aposta da institución “por un modelo de territorio que aposta por actividades que dinamizan o rural, que xeran impacto positivo, que respectan o entorno e que deixan valor, tanto económico como social”.

O Critérium, organizado polo Real Aeroclub de Lugo, desenvolverase no Aeródromo de Rozas a vindeira fin de semana, converténdose nun punto de encontro para profesionais, afeccionados e familias, e nun escaparate das capacidades do territorio lucense para acoller eventos de calidade. A programación inclúe saltos en paracaídas, voos de introdución, exposición de medios aéreos e proxectos aeonáuticos do ciclo de Aeromecánica do CIFP As Mercedes, mostras de drons e de todo tipo de aeronaves ou exhibicións de pilotos profesionais, así como outras actividades.

“Esta cita é un exemplo de boa organización, de colaboración institucional e de visión de futuro”, indicou o Presidente, quen agradeceu a implicación de todas as persoas e entidades que fan posible esta iniciativa. 

Pola súa banda, o Presidente do Real Aeroclub de Lugo agradeceu o apoio da Deputación e a súa convicción por esta cita que foi medrando ata o que é hoxe, “un espazo de encontro, aprendizaxe e divulgación ao redor da aviación, aberto a todo o mundo onde se fixan desde outros países”. Loou tamén o traballo do equipo organizador, dos profesionais participantes e das entidades colaboradoras, porque segundo afirmou, “sen o seu esforzo e compromiso non sería posible manter o alto nivel de calidade que caracteriza ao Critérium”. Rematou convidando á cidadanía a participar nas múltiples actividades que se desenvolverán ao longo destes tres días de celebración.