A Deputación impulsa novos investimentos por máis de medio millón de euros para mellorar a calidade de vida da veciñanza e apoiar o sector vitivinícola da provincia
Aprobada a adxudicación- para o período 2025-2027- do lote 8 do contrato de conservación e mantemento das estradas provincias, por un importe de 1M€
Ademais saíu adiante o último trámite administrativo para o pago de cinco subvencións á Comunidade de Montes Veciñais de Adai, de Pumares e San Román e de Cervela; e a Agrupación de Veciños de Tórbeo e de Pousanova
A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres novos investimentos por máis de 500.000 euros para mellorar a calidade de vida da veciñanza, dinamizar os concellos e promover o tecido produtivo da provincia. Así o informou a Voceira Socialista do Goberno, Pilar García Porto, trala reunión celebrada esta mañá no Pazo de San Marcos.
Por unha banda, no Concello de Castroverde aprobouse un acordo de colaboración por un importe de case 300.000€ para a mellora de vía e accesos locais e servizos públicos básicos no municipio. O Concello asume o resto do orzamento, que acada un total de preto de 600.000 e que se destinarán á execución de seis actuacións principais.
Segundo sinalou a Voceira Socialista do Goberno acometerase a rexeneración do firme asfáltico en 14 accesos de estradas locais que dan servizo a distintos núcleos das pa-rroquias de Bolaño, Vilabade, Riomol, Masoucos, Pumarega, Furís de Abaixo, Porcín, Páramo, San Paio de Arcos, Moreira e Montecubeiro. Ademais, mellorarase a pavimen-tación noutras zonas como O Couso, Espasande, O Latadal, Outeiro, San Paio e Moreira, o que contribuirá a incrementar a seguridade e a eficiencia na evacuación das augas pluviais.
Tamén se realizarán melloras no acceso entre Furís de Arriba e O Latadal, así como nos núcleos de Tórdea, Espasande, Outeiro e San Xuliana. Investiranse fondos na mellora do acceso a Miranda e na recuperación dun espazo próximo a unha fonte protexida. O proxecto completarase coa mellora do camiño agrícola da Valiña, en Montecubeiro, e coa ampliación da rede municipal de abastecemento de auga ata o núcleo de Covelas.
Ademais, na Xunta desta mañá saíu adiante un acordo co Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, para financiar un proxecto de dixitalización estratéxico para o sector vitivinícola da provincia. Desenvolverase ao longo de 2025, e ten dúas liñas de actuación fundamentais.
A primeira é a instalación dunha rede de 12 estacións meteorolóxicas portátiles, unha por cada concello lucense incluído na Denominación de Orixe, e que permitirá monitorizar en tempo real as condicións climáticas en cada zona de produción, ofrecendo datos clave para previr enfermidades da vide, planificar tratamentos ou reducir custos.
A segunda actuación céntrase na implantación dun sistema integral de xestión dixital da Denominación de Orixe, baseado no software ANAWIN. Trátase dunha ferramenta que permitirá automatizar e centralizar todos os procedementos administrativos e técnicos da D.O, como por exemplo rexistros, certificacións, rastrexabilidade, ou facturación. Ademais, incluirá a creación dunha oficina virtual para as adegas, que facilitará a tramitación en liña e incorporará entre algunhas ferramentas: unha app de cata dixital para táblets, un sistema de seguimento de saldos e movementos de viño ou a firma electrónica para documentos oficiais.
Pilar García Porto enmarcou este apoio na estratexia da Deputación de Lugo de apoiar ao sector primario, “xa que a promoción e modernización do sector vitivinícola contribúe non só á economía local, senón tamén á conservación do noso patrimonio cultural, natural e ao asentamento da poboación no medio rural”.
Conservación e mantemento das estradas
A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo acordou este venres adxudicar por un importe de preto de 1M€ e o período de 2025-2027, o lote 8 do contrato de conservación e mantemento da estradas de titularidade provincial.
Así o informou a Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, quen detallou que, desta forma para completar o contrato “tan só quedaría sacar a licitación e adxudicar os lotes 5, 6 e 7 que corresponden a concellos da zona da Montaña para cubrir os vindeiros dous anos toda a rede viaria provincial”, a máis extensa de toda España, con 4.200 quilómetros.
García Porto concretou que o lote que se vén de adxudicar afecta aos concellos de Castro de Rei, Pol e Meira.
Programa para a Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios
Por último, a Xunta de Goberno aprobou este venres o último trámite administrativo para o pago de subvencións, por un importe conxunto total de 30.000€, a cinco entidades da provincia que resultaron beneficiarias do Programa para a Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios, que impulsa a Deputación de Lugo. Son as Comunidade de Montes Veciñais de Adai, no Corgo; de Pumares e San Román de Ribas de Sil e de Cervela, no Incio; e as Agrupacións de Veciños de Tórbeo, e de Pousanova, no concello de Ribas de Sil.