Deputación de Lugo

Burela prepárase para saborear esta fin de semana a XXXIX Feira do Bonito co apoio da Deputación

Francisco Cajoto Caserío
feira do bonito
Presentación Feira do Bonito de Burela
O Deputado de Recursos Sostibles, Francisco Cajoto Caserío, participou este luns na presentación desta Festa de Interese Turístico Nacional e da XXIII Feira dos Produtos do Mar e da Terra, Artesanais e Ecolóxicos Produart, organizada pola Fundación Expomar

Cajoto Caserío recordou que “o pasado xoves celebramos na Praza de San Marcos, en Lugo, un acto de promoción do Bonito de Burela, onde, da man de recoñecidos cociñeiros da provincia puidemos degustar tres elaboracións deste produto do mar”

O Deputado de Recursos Sostibles, Francisco Cajoto Caserío, participou este luns xunto á Alcaldesa de Burela e Deputada Provincial, Carmela López Moreno, no acto de presentación da XXXIV Feira do Bonito e a XXIII Feira dos Produtos do Mar e da Terra, Artesanais e Ecolóxicos Produart, que se celebrarán esta fin de semana no municipio mariñán. Á presentación desta cita, declarada de Festa de Interese Turístico Nacional desde o 2019, tamén asistiu a Presidenta da Sociedade Cultural Recreativa Ledicia, Rocío Rivera Seara, entre outras autoridades. 

Francisco Cajoto recordou que “non podemos deixar de lembrar o que vivimos hai tan só uns días, o pasado xoves 24 de xullo, na Praza de San Marcos, en Lugo, onde organizamos un acto de promoción do Bonito de Burela que foi un verdadeiro éxito de participación e repercusión”. O Deputado sinalou que “participaron recoñecidos cociñeiros da nosa provincia que prepararon tres elaboracións coas que demostraron que o Bonito de Burela é un produto versátil, de primeira calidade e que está á altura da alta gastronomía”.

“Ese acto foi, sen dúbida, unha antesala perfecta da Feira que celebraremos esta fin de semana aquí en Burela organizada coa dedicación e o compromiso da Asociación Ledicia e do Concello de Burela, e que conta, como non podía ser doutro xeito, co apoio da Deputación de Lugo”, recalcou o Deputado Provincial.

Francisco Cajoto destacou que “a Feira do Bonito é un exemplo do que podemos conseguir cando traballamos conxuntamente desde o público e o privado, desde o local e o provincial, coa mirada posta na posta en valor dos nosos recursos. Porque defender o Bonito de Burela é defender a nosa economía, o noso medio mariño, e o futuro das comunidades costeiras”. 

“A Deputación de Lugo seguirá estando ao lado de iniciativas coma esta, que reforzan a nosa identidade e poñen en valor o mellor que temos: o noso territorio, o noso mar, e a nosa xente”, rematou Cajoto.

XXXIV Feira do Bonito


A XXXIX Feira do Bonito arrancará o sábado, día 2 de agosto, ás 10:30 horas co III Encontro de Alfombrismo e Arte Efémero Galego e ás 13:00 horas terá lugar a recepción de autoridades e o izado de bandeira azul no barco museo Reina del Carmen. Acto seguido, procederase á lectura do pregón, a cargo do burelés Juan Carlos Enríquez Casas, e despois farase a degustación, que se prolongará ao longo da tarde a base de bonito cocido, bonito asado á grella e empanada. A xornada rematará ás 20:30 horas cos concertos de S.S.R Ledicia, Marcarme, Enol e sesión DJ Pepu.

O domingo, 4 de agosto, haberá actividades infantís e, ás 13:30 horas, iniciarase a degustación que, neste caso, estará protagonizada por petiscos de enfariñada de Trabada con bonito e ración de marmitako.

Ademais, a programación tamén inclúe actividades deportivas complementarias, como o VII Torneo de Fútbol de Veteranos Feira do Bonito, no Campo de Fútbol A Marosa; e o Torneo de Baloncesto 3x3 que acollerá a Praza da Mariña.

XXIII Feira dos Produtos do Mar e da Terra, Artesanais e Ecolóxicos Produart


Paralelamente á Feira do Bonito, tamén se celebrará do 1 ao 3 de agosto a vixésimo terceira edición da Feira Produart, organizada pola Fundación Expomar e que conta cunha achega económica da Deputación de Lugo de 15.000 euros. Esta exposición comercial porá en contacto a produtores, comerciantes e consumidores que apoien o desenvolvemento dos recursos da comarca mariñá desde a perspectiva da sustentabilidade e a conservación do medio. 

A programación arrincará o venres, 1 de agosto, ás 17:30 horas, coa inauguración da Feira e ás 19:00 horas presentarase o XI Festival Osa do Mar. A continuación, terá lugar un concerto e a partir das 21:00 horas haberá unha degustación de produtos do mar. 

A xornada do sábado, 2 de agosto, iniciarase ás 11:30 horas coa presentación do libro Boni, unha viaxe marabillosa; ás 11:45 horas os máis pequenos poderán participar nun obradoiro de pintacaras infantil -que tamén se realizará pola tarde, ás 17:00 horas-; e, a continuación, ás 12:00 horas, terá lugar unha demostración de encaixe de bolillos.

Xa para rematar, o domingo 3 de agosto, ás 12:00 horas presentarase o libro El secreto de la esmeralda e ás 12:15 horas haberá unha demostración de encaixe de bolillos.