Deputación de Lugo

O Presidente supervisa en Xermade a renovación de beirarrúas no centro da vila cun investimento da Deputación de 200.000€

José Tomé Roca
Xermade
Visita Xermade
José Tomé Roca e o Alcalde do municipio, Roberto García Pernas, percorreron as avenidas das Pontes e Vilalba, completamente rehabilitadas grazas un convenio que incluíu a construción dunha senda peonil paralela á estrada LU-P-2205 a Porto Souto

O mandatario provincial enmarcou este acordo no compromiso de colaboración da institución cos concellos para que poidan ofrecer máis e mellores servizos á veciñanza e valorou que a actuación “mellora a accesibilidade a recursos municipais básicos”

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o Alcalde de Xermade, Roberto García Pernas, veñen de supervisar no municipio chairego a renovación completa das beirarrúas das avenidas das Pontes e Vilalba -no centro da vila- grazas a un acordo de colaboración entre ambas administracións por un importe que supera os 200.000€. A actuación, para a que a institución provincial achegaba máis do 90% dos fondos, serviu tamén para a construción dunha senda peonil paralela á estrada que vai a Momán.

“Tratase dunha actuación moi importante para Xermade, porque conseguimos a mellora da accesibilidade a recursos municipais básicos”, valorou o mandatario provincial, que enmarcou este acordo no compromiso de colaboración da institución cos concellos para que poidan ofrecer máis e mellores servizos á veciñanza. O proxecto contemplou a renovación das beirarrúas de dúas arterias fundamentais para Xermade: as da Avenida das Pontes e da Avenida Vilalba, conectadas entre si e que dan acceso dende a Casa Consistorial á Biblioteca Municipal, a un parque infantil, ao polideportivo, ao CEIP da localidade, ao Centro de Saúde ou ao cuartel da Garda Civil.

García Pernas explicou que as plataformas estaban “en moi mal estado” e que son moi empregadas pola veciñanza, polo que “con esta actuación melloramos a comodidade e a seguridade de todas e todos”. Detallou ademais que grazas a estas obras soterráronse os cables do alumeado público e renováronse as tubaxes da traída municipal.

Senda peonil


Este acordo entre a Deputación e o Concello permitiu ademais a construción dunha senda peonil, paralela á estrada provincial LU-P-2205 que conecta Xermade con Porto Souto, que dá continuidade á beirarrúa existente, mellorando a seguridade dos veciños e das veciñas do municipio. O novo sendeiro ten un ancho de 1,80 metros e conta cunha rede de pluviais para recoller a auga das chuvias.