Deputación de Lugo

A Deputación completa a renovación de dous novos tramos no cinto comarcal en Begonte e Castro de Rei

Cinto comarcal
Obras na LU-P-1611
A institución provincial traballa esta semana no estendido de aglomerado da LU-P-1611 á altura da parroquia begontesa de Felmil e na parroquia castrense de San Xiao de Mos cun investimento que supera os 375.000€

Nos últimos dous anos a Deputación de Lugo leva investidos en torno a 3,7M€ para a mellora desta estrada de titularidade provincial que, con 131 quilómetros, é a máis longa de toda a provincia

A Deputación de Lugo completa esta semana o estendido de aglomerado en dous tramos do cinto comarcal, a LU-P-1611, ao seu paso polos concellos de Begonte e Castro de Rei. Concretamente, a institución provincial inviste máis de 375.000€ para mellorar case dous quilómetros á altura da parroquia begontesa de Felmil –do punto quilométrico 71,700 ao 73,165- e outro de algo máis de tres quilómetros –do 78,620 ao 81,800- ao seu paso pola parroquia de San Xiao de Mos, en Castro de Rei.

Os traballos, que desenvolve a empresa Cholo SL, consistiron na mellora da drenaxe e fresado da vía; e tras o estendido do aglomerado en quente, está prevista a reposición da sinalización. 

Esta actuación, como todas as que se levan a cabo no cinto comarcal, ten unha importancia fundamental, xa que esta estrada xoga un papel clave nas comunicacións da provincia. A LU-P-1611 conecta de forma directa 12 concellos da provincia e enlaza con vías autonómicas e nacionais como a A-6, A-54, a N-VI e a N-540. De feito, a Deputación sacou adiante 9 proxectos nos últimos dous anos –dous deles en fase de contratación- para a renovación de máis do 28% do trazado desta vía, que con 131 quilómetros é a máis longa de toda a provincia.

Cun  investimento de en torno aos 3,7M€ a institución provincial acometeu desde o 2023 a renovación de case 37 quilómetros do cinto comarcal ao seu paso polos concellos de Pol, Castroverde, Cospeito, Castro de Rei, Lugo, Guntín, Friol, O Corgo e Begonte.