A Deputación arranca o estendido do aglomerado no último tramo da Avenida Infanta Elena

Este novo tramo, que vai desde a Glorieta de Garaballa á de Benigno Rivera, completará as obras de desdobramento dos 2,7 quilómetros desta entrada á cidade dotada tamén con carrís bicis, beirarrúas, iluminación LED, mobiliario e arboredo
A institución provincial inviste 2,4 M€ na humanización e mellora das prestacións desta vía, que está previsto que estea totalmente renovada a finais do mes de outubro
A Deputación de Lugo arrancou este martes o estendido de aglomerado en quente no último tramo das obras de desdobramento e humanización da Avenida Infanta Elena, desde a Glorieta de Garaballa á de Benigno Rivera. Uns traballos que afectan aos últimos 456 metros da vía, cos que se completará a mellora e renovación dos 2,7 quilómetros desta entrada á cidade nos que a institución provincial leva investidos un total de 2,4M€.
Estas tarefas que se están a realizar consisten na aplicación dunha primeira capa de aglomerado na marxe esquerda, que quedará habilitada como desvío provisional do tráfico para facilitar o asfaltado dos outros dous carrís da calzada. Unha actuación que permitirá avanzar de forma eficiente nos últimos traballos para a renovación integral da avenida, garantindo a seguridade viaria e minimizando as molestias para os usuarios e usuarias que transitan a diario por esta vía de acceso á cidade.
Este tramo completará o conxunto da avenida desdobrada, que agora conta con entre dous e tres carrís de circulación por sentido, carrís bici, beirarrúas amplas, iluminación LED, mobiliario urbano e arborado, mellorando notablemente a mobilidade, a accesibilidade e a calidade dos espazos públicos na zona norte da cidade.
Detalles do proxecto no tramo Garaballa a Benigno Rivera
Esta última fase, que conta cun investimento de 1,3M€, contempla o desdobramento e a humanización da Avenida Infanta Elena no treito comprendido entre a Glorieta Garaballa de Arriba e á de Benigno Rivera. Este tramo, cunha lonxitude total de 456 metros, contará con dúas marxes de calzada dun ancho de 10,25 metros cada unha, distribuídas en tres carrís de circulación por sentido. Ademais, a marxe dereita dotarase dun carril bici cun ancho de 3 metros, e no caso das beirarrúas terán 4,05 metros de ancho a ambos lados, con árbores, iluminación, bancos e papeleiras.
Estes traballos tamén inclúen a renovación e dotación dos servizos de abastecemento, saneamento e alumeado público, tendo en conta a situación actual e as demandas futuras que poida ter a contorna, como pode ser o desenvolvemento de solos urbanos ou urbanizables.
