Deputación de Lugo

A Deputación impulsa coa Mancomunidade iniciativas de turismo sostible e creativo na Mariña

carmela lópez
mancomunidade da mariña
A Deputada de Economía, Facenda e Especial de Contas participou este mércores no Concello de Trabada na presentación das iniciativas Obradoiros con Corazón e Plans con Corazón, que dará a coñecer o patrimonio natural e cultural a comarca mariñá con 16 visitas e rutas guiadas por 16 concellos

A Deputada de Economía, Facenda e Especial de Contas e Alcaldesa de Burela, Carmela López Moreno, participou este mércores no Concello de Trabada, na presentación da programación de dúas iniciativas, promovidas pola Mancomunidade coa colaboración da Deputación de Lugo,  para impulsar o turismo sostible e creativo na Mariña Lucense. Trátase dos programas Obradoiros con Corazón e Plans con Corazón, dúas propostas destacou a Carmela López, “ que non só enriquecen a oferta turística da Mariña, senón que consolidan unha estratexia a longo prazo impulsada pola Mancomunidade con moito compromiso”.

No acto, que tivo lugar na coñecida como Casa do Cura onde ten o obradoiro a artesá Lucía Catuxa que participará en ambos programas, tamén estiveron presentes o Alcalde de Trabada, Rubén García; a xefa da Área de Turismo da Xunta en Lugo, Paloma Vázquez; así como distintos guías profesionais e artesáns que participan nas actividades.


Obradoiros con Corazón en agosto

A segunda edición de Obradoiros con Corazón desenvolverase do 25 ao 30 de agosto en nove obradoiros artesáns da Mariña, situados en Mondoñedo, Ribadeo, Trabada, Viveiro e Ourol. A iniciativa ofrecerá nove actividades diferentes nas que as persoas participantes poderán experimentar coas artes da cerámica, madeira, coiro, la, estampación, títeres ou artes escénicas, nun formato participativo que mestura creatividade, tradición e aprendizaxe práctica.


Nesta segunda edición participan os obradoiros Raíces Nómadas, Artesáns do Pasatempo, Esquina Atlántica, Lucía Catuxo, Otero Regal, Miratú, Madeira a man, O fantástico taller dos títeres e Estudo Estampa. Todos eles abrirán as súas portas ao público para compartir saberes, técnicas e a súa visión persoal da artesanía como forma de vida. 


16 visitas e rutas guiadas por toda a Mariña

O programa Plans de Corazón do 5 de setembro ao 12 de outubro, terá lugar a sexta edición de Plans con Corazón, un programa de 16 rutas e visitas guiadas, unha por cada concello da Mariña, deseñadas para dar a coñecer os recursos naturais, patrimoniais e culturais do xeodestino. As visitas están elaboradas por guías oficiais de Galicia acreditados no sistema SICTED.  


Toda a información sobre o calendario, as datas e as reservas de ambas actividades estarán dispoñibles na seguinte ligazón https://amarinalucense.gal/gl/a-marina-obradoiros-con-corazon