Deputación de Lugo

A Deputación colabora con Auxilia Lugo no fomento da autonomía persoal de persoas con discapacidade no rural

JOSE TOMÉ
Auxilia Lugo
O Presidente asinou coa responsable da entidade social un convenioa través do cal a institución achega 5.000€ para desenvolver o programa Promoción da autonomía persoal no domicilio rural nas comarcas de Sarria e Lugo

José Tomé destacou que esta colaboración forma parte da aposta da institución “por unha provincia máis xusta, inclusiva e con igualdade de oportunidades para todas as persoas, independentemente da súa situación ou lugar de residencia”

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou un convenio de colaboración coa presidenta de Auxilia Lugo, Nuria Neira Vila, polo que a institución provincial achega 5.000 euros a esta entidade social para desenvolver o programa Promoción da autonomía persoal no domicilio rural. Trátase dunha iniciativa que busca mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade física que residen en concellos rurais da provincia. 

José Tomé puxo en valor o labor que desenvolve Auxilia Lugo desde hai máis de 50 anos e subliñou que este programa “axuda a que as persoas con discapacidade poidan levar unha vida máis autónoma e digna nos seus fogares, sen verse obrigadas a abandonar o seu entorno familiar e social”. Así mesmo, destacou que esta colaboración forma parte da aposta da institución provincial “por un rural máis xusto, inclusivo e con igualdade de oportunidades para todas as persoas, independentemente da súa situación ou lugar de residencia”. 


No marco deste convenio, Auxilia Lugo levará a cabo accións enfocadas a fomentar a vida autónoma no fogar, o acceso á información e recursos, así como a participación activa na comunidade das persoas con discapacidade. O programa contempla visitas domiciliarias de asesoramento, acompañamento profesional, formación en novas tecnoloxías e actividades que favorezan a autoestima, a seguridade e o benestar persoal.

A entidade avalía as necesidades concretas dos usuarios no seu propio fogar, ofrece información sobre recursos, produtos de apoio e posibles adaptacións no domicilio, contribuíndo así a eliminar barreiras arquitectónicas e a retardar, na medida do posible, o ingreso nun centro residencial.


Tamén se traballa nofortalecemento das habilidades sociais, a mellora da autoestima, e a orientación laboral, especialmente mediante formación en ferramentas dixitais para a procura activa de emprego. O programa presta unha atención especial ás mulleres con diversidade funcional no rural, impulsando o seu empoderamento e a súa integración activa na contorna social.


Cifras na provincia de Lugo

Segundo os últimos datos do Censo de Persoas con Discapacidade de Galicia (2021), na provincia de Lugo hai 23.288 persoas con algún tipo de discapacidade recoñecida igual ou superior ao 33%, das cales 11.839 son homes e 11.449 mulleres. As discapacidades físicas son as máis frecuentes, seguidas das mentais e sensoriais.


Ademais, un total de 1.506 persoas necesitan axuda diaria dunha terceira persoa, o que reforza a importancia de programas como o de Auxilia Lugo, centrados na atención individualizada no domicilio e na promoción da vida independente.