A Deputación celebra en Monterroso a diversidade no rural co X Festival Agrocuir

“É unha mostra de que o rural pode e debe ser un espazo de liberdade, inclusión e cultura. A presenza da Deputación aquí, un ano máis, reafirma o noso compromiso cun territorio máis xusto, diverso e vivo"
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, visitou este venres o recinto do Festival Agrocuir da Ulloa, que reivindica estes días en Monterroso a diversidade sexual e o futuro do rural en diferentes espazos deste municipio. A institución provincial colabora con esta proposta cultural cunha achega económica de 8.000€.
“É unha mostra de que o rural pode e debe ser un espazo de liberdade, inclusión e cultura. A presenza da Deputación aquí, un ano máis, reafirma o noso compromiso con un territorio máis xusto, diverso e vivo”, destacou Pilar García Porto durante a súa visita.
O Festival Agrocuir da Ulloa celebra xa a súa décima edición, consolidándose como un evento clave para a reivindicación dos dereitos LGTBIQ+ e a promoción cultural nunha contorna tradicionalmente rural. A Deputación de Lugo, a través deste apoio, busca fomentar a diversidade e a igualdade en todas as zonas da provincia, apostando polo desenvolvemento equilibrado e inclusivo do medio rural.
Música, deporte e propostas culturais
A programación deste venres comezou ás 17:00 horas coa Cuirathlon na área recreativa de A Peneda. Logo no Centro Sociocultural de Monterroso proxectouse Delirio Sketches de Cru ea curtametraxe Delicuente de Nuria Vil, coa participación de Aranxa Vicens.
Ás 20:30 horas tivo lugar a benvida á décima edición do festival na Praza do Froito, seguida dun concerto de Toma de Terra ás 21:00 horas. Xa pola noite, o colectivo Agrocuir da Ulloa e NeluVermouth presentará o manifesto do festival ás 22:30 horas, seguido dos concertos de Ugía Pedreira ás 23:30 horas e El Gato con Jotas á 1:00 da madrugada. A sesión DJ de Celulite pechou a xornada ás 2:30 horas na Praza do Froito.
O sábado, o festival continuará ás 12:00 horas coa apertura dos obradoiros en diversos espazos de Monterroso. Ás 13:00 horas celebrarase un obradoiro de baile no Souto de Caracacho, seguido dun xantar popular ás 14:00 horas no mesmo lugar. Pola tarde, ás 16:00 horas, organizarase un bingo e, desde as 16:30 ata as 20:00 horas, terá lugar a actividade Qué será... serán?.
Pola noite, a partir das 20:30 horas, arrancarán os cantos de taberna polos bares de Monterroso, que se prolongarán ata a medianoite. Xa de madrugada, as sesións DJ de Tonita e RikiHoney animarán a Praza do Froito entre a 1:00 e as 5:00 horas.
