A Deputación achega 40.000€ á CEL para financiar un programa de asesoramento ás PEMES
José Tomé Roca destacou que “Lugo ten unha das porcentaxes máis altas de España de pequenos negocios no seu tecido empresarial; o 99,97% das nosas empresas son PEMES, polo que é especialmente importante ofrecer este tipo de apoio”
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o Secretario Xeral da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), Jaime López Vázquez, veñen de asinar no Pazo de San Marcos un convenio de colaboración que contempla unha achega económica de 40.000 euros á entidade. Esta contía servirá para financiar o programa de asesoramento ás pequenas e medianas empresas da provincia Asesora CEL.
Concretamente e con cargo a este investimento, a CEL poderá contratar a 4 persoas para a realización deste programa e tamén poderá sufragar parte dos gastos xerais de funcionamento da entidade.
“Lugo ten unha das porcentaxes máis altas de España de pequenos negocios no seu tecido empresarial; o 99,97% das nosas empresas son PEMES –só por detrás de Ávila, que ten un 99,98%-, polo que é especialmente importante ofrecer este tipo de apoio”, valorou Tomé Roca. Explicou que este tipo de negocios ten dificultades engadidas para acceder á información e servizos de asesoramento en material xurídica e laboral.
Este servizo pretende axudar aos empresarios e empresarias da provincia en cuestións de contratacións, retribucións, salarios, horarios, obrigas de seguridade e saúde, conciliación e igualdade. Tamén poderá poñer ao día sobre normativa medioambiental ou sustentabilidade. Unha nova colaboración vén a reforzar a estreita relación que a Deputación mantén coa Confederación de Empresarios de Lugo na organización e desenvolvemento de diferentes iniciativas, para seguir favorecendo e impulsando o crecemento económico da provincia.