A Deputación colabora co Colexio de Avogados para garantir asesoramento xurídico nos centros penais da provincia
José Tomé sinalou que a institución achega 12.000€ “para garantir un servizo que permitirá reforzar o exercicio dos dereitos das persoas máis vulnerables, contribuíndo á reinserción social e á igualdade de acceso á xustiza”
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou no Pazo de San Marcos un convenio de colaboración co decano do Ilustre Colexio Oficial de Avogacía de Lugo, José Félix Mondelo Santos, mediante o cal a institución provincial achega 12.000€ para garantir o Servizo de Orientación e Asistencia Xurídica Penal (SOAJP) dirixido a atender as necesidades xurídicas das persoas recluídas nos centros penais de Bonxe e Monterroso.
José Tomé Roca sinalou que a achega da Deputación financia practicamente a totalidade do orzamento do servizo, que ascende a máis de 16.000€ asumindo o colexio a parte restante. “Esta colaboración garante un servizo que permitirá reforzar o exercicio dos dereitos das persoas máis vulnerables, contribuíndo á reinserción social e á igualdade de acceso á xustiza”, subliñou o mandatario provincial.
O SOAJP será prestado por avogados e avogadas especialmente formados polo Colexio, que acudirán semanalmente aos centros penais para atender consultas presenciais, así como por videoconferencia cando sexa posible. Estes profesionais tamén colaborarán na tramitación da xustiza gratuíta e na comunicación cos letrados designados nos procedementos penais dos internos e internas.
Ademais, para garantir a calidade desta acción os letrados realizarán unha formación obrigatoria específica organizada polo Colexio de Avogados, que tamén organiza e coordina as peticións cos centros penitenciarios e atende as consultas xurídicas dos internos.
Así mesmo, o persoal do SOAJP colaborará cos avogados particulares ou de oficio xa designados polos internos, tendo en conta que moitos non dispoñen de recursos económicos para asumir os honorarios dun profesional especializado en dereito penitenciario.