Deputación de Lugo

A Deputación participa na Gala Solidaria de Auxilia Lugo para promover a integración das persoas con diversidade funcional

AUXILIA
O Deputado de Medio Ambiente, Carlos López López, asistiu a este evento solidario, no que actuou o cantautor Adrián Vigo, o grupo tradicional Airiños de Orbazai e a banda de música celta Milesios

O Deputado de Medio Ambiente, Carlos López López, asistiu este venres en Lugo á Gala Solidaria organizada por Auxilia Lugo co obxectivo de recaudar fondos a favor da inclusión das persoas con diversidade funcional. A este evento, que tivo lugar no Auditorio Gustavo Freire, tamén asistiu a Concelleira de Cohesión Social do Concello de Lugo, Olga López Racamonde, entre outras autoridades. 

Esta cita solidaria, á que asistiron numerosas persoas, contou coas actuacións do cantautor Adrián Vigo, do grupo tradicional Airiños de Orbazai e da banda de música celta Milesios. 

Carlos López puxo en valor o esforzo de Auxilia Lugo por organizar unha Gala deste tipo que “ademais do carácter solidario é un escaparate perfecto para promover a plena integración das persoas con discapacidade”. Destacou tamén o Deputado provincial a importancia de que “a sociedade se implique activamente neste tipo de iniciativas que fomentan a igualdade de oportunidades e o respecto á diversidade en todos os ámbitos da vida”. 

Nesta liña, recordou a colaboración que mantén a institución provincial con Auxilia Lugo e a delegación de Monforte de Lemos para o desenvolvemento de programas “como o de promoción da autonomía persoal no domicilio rural, que busca mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade física residentes en concellos rurais da provincia”.