As rutas fluviais da Deputación volven ser unha das principais alternativas turísticas con preto de 60.000 viaxeiros no que vai de temporada

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismofixo balance desta oferta de ocio da institución provincial nos embarcadoiros de Ponte do Sil e de Belesar, destacando que “baten récord cun 11% máis de persoas respecto ao ano pasado”
“Son datos moi positivos que confirman o crecemento e éxito do modelo turístico sostible e de calidadeimpulsado pola Deputación, que convida a coñecer a Ribeira Sacra mediante unha experiencia única que combina natureza, cultura e desenvolvemento económico”, subliñou PilarGarcía Porto
As rutas fluviais pola Ribeira Sacra impulsadas pola Deputación de Lugo volven ser un dos atractivos turísticos máis demandados na comarca e no conxunto da provincia.Desde que comezou a temporada no mes de marzo ata o día de hoxe os catamaráns rexistraron preto de 60.000 viaxeiros, o que supón un incremento do 11 % con respecto ao ano pasado.
Durante o verán, que concentrou o 66 % das viaxes, preto de 39.400 persoas desfrutaron das rutas fluviais que parten dos embarcadoiros de Ponte do Sil e Belesar, consolidando estas experiencias como unha das alternativas turísticas máis apreciadas da Ribeira Sacra. Ata finais de ano, prevese que se sumen arredor de 3.300 reservas adicionais, completando “unha tempada excepcional”.
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, fixo balance este martes desta oferta de ocio que ofrece a institución provincial, destacando que “baten récord cun 11 % máis de viaxeiros respecto ao ano pasado”. Puxo de relevancia a temporada estival recalcando que a ocupación media roldou preto do 80%, un dato que “reflicte o interese crecente por unha proposta turística singular, que permite descubrir a Ribeira Sacra desde o río, combinando natureza, patrimonio e tranquilidade”.
“Estamos moi satisfeitos, son datos moi positivos que confirman, un ano máis, a acertada aposta da Deputación por un modelo turístico sostible e de calidade”, destacou Pilar García Porto, quen ademais destacou o impacto económico directo que xera este servizo na comarca, “as rutas fluviais son un motor para o turismo local, contribuíndo ao desenvolvemento hostalería, o comercio, e xerando riqueza. Cada visitante convértese nun embaixador do territorio, que contribúe a preservar e dar a coñecer o noso patrimonio”.
A campañadas rutas fluviais continúa activa ata o 7 de decembro con dúas rutas dispoñibles: a Ruta Fluvial do Cañón do Sil, con capacidade para 159 prazas, e a Ruta Fluvial do Cabo do Mundo, cunha capacidade de 63 viaxeiros. Esta oferta inclúe tarifas especiais para colectivos, persoas xubiladas, mozos, desempregados e familias numerosas.
As persoas interesadas en realizar algunha das dúas rutas que ofrece a Deputación de Lugo, reservar praza e consultar máis información poden reservar a súa praza a través da páxina web: https://reservas.rutasembalses.es/.
Datas e horarios ata fin de tempada
No mes de outubro, os viaxeiros poderán facer a ruta Canón do Sil que ofrecerá servizo no catamarán Mencía de mércores a venres con dous horarios, ás 11:30 e ás 16:30 horas. As fins de semana e os días 8, 9 e 10, coincidindo coa ponte do Pilar, entrará tamén en servizo o monocasco Canón do Sil, ofrecendo entre ambas embarcacións rutas ás 11:00, ás 11:30, ás 16:00 e ás 16:30 horas. A ruta Cabo do Mundoofertará as fins de semana e os días 8, 9 e 10 viaxes ás 11:30 e ás 16:30 horas.
En novembro os viaxeiros só poderán facer rutas en catamarán nas fins de semana. Durante o primeiro fin de semana, con motivo da festividade de Todos os Santos, a ruta Canón do Sil ofrecerá viaxes ás 11:00, ás 11:30, ás 16:00 e ás 16:30 horas. Desde a fin de semana do 8 e 9 de novembro só operará o catamarán Mencía no embarcadoiro Ponte do Sil, con saída ás 11:30 e ás 16:00. A ruta Cabo do Mundo funcionará todo o mes ás fins de semana ás 11:30 e ás 16:00 horas.
O servizo rematará coa ponte de Decembro. Entre os días 1 e 8 desde mes, o embarcadoiro Ponte do Sil e Belesar Pobo ofertarán viaxes ás 11:30 e ás 16:00 horas.