Deputación de Lugo

O Presidente e o Alcalde de Lugo entregan os primeiros hortos urbanos de Paxariños que agora xestiona a Deputación

hortos urbanos
José Tomé Roca
miguel fernández
José Tomé Roca e Miguel Fernández Méndez mantiveron un encontro este xoves coas persoas que resultaron beneficiarias destes espazos de cultivo, situados ao carón do barrio lucense de Xuíz, entre Fontiñas e o paseo fluvial do Rato

O mandatario provincial destacou que o acordo entre ambas entidades “dá resposta a unha petición do Concello de Lugo que, por unha banda, mellorará a eficiencia na xestión destes espazos, e pola outra, reducirá a duplicidade de gasto”

Pola súa parte, Miguel Fernández recalcou que “a implicación das persoas concesionarias é tamén fundamental para consolidar este proxecto, que contribúe a facer de Lugo unha cidade máis verde, máis saudable e máis consciente ambientalmente”

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o Alcalde de Lugo, Miguel Fernández Méndez, entregaron este xoves os primeiros 22 hortos urbanos de Paxariños que, recentemente, pasou a xestionar a institución provincial a través dun acordo de colaboración entre ambas entidades que ascendeu ata os 57.000€. Estas parcelas distribúense nun espazo de algo máis de 1.000 metros cadrados e atópanse ao carón do barrio lucense de Xuíz, entre Fontiñas e o paseo fluvial do Rato.

Tomé Roca recordou que a institución provincial asumiu a xestión e o mantemento destes espazos -ata mediados do 2027- a través dun convenio de colaboración entre ambas entidades. “Un acordo que dá resposta a unha petición do Concello de Lugo que, por unha banda, mellorará a eficiencia na xestión destes espazos, e pola outra, reducirá a duplicidade de gasto”.

Nesta liña, o mandatario provincial subliñou que “deste xeito, fomentamos a participación cidadá e o desenvolvemento sostible xerando espazos de biodiversidade; promovemos boas prácticas agrarias, como a agricultura ecolóxica; impulsamos unha boa alimentación e hábitos de vida máis saudables; e impulsamos un maior coñecemento e respecto polo medio ambiente”. 

Pola súa banda, o Alcalde de Lugo, Miguel Fernández, destacou que os hortos dos Paxariños “representan o compromiso do Concello cun modelo de cidade sostible, participativa e con máis espazos verdes ao servizo da veciñanza”. Subliñou que o acordo coa Deputación “permitiu garantir unha xestión eficiente e profesional, poñendo en valor a súa ampla experiencia no ámbito dos hortos urbanos e reforzando a cooperación institucional en beneficio da cidadanía”.

Fernández agradeceu especialmente á Deputación de Lugo e ao seu Presidente, José Tomé, “a súa colaboración e sensibilidade co municipio, demostrando unha vez máis que cando as administracións traballan da man, os resultados son moi positivos para a veciñanza”. Engadiu que “a implicación das persoas concesionarias é tamén fundamental para consolidar este proxecto, que contribúe a facer de Lugo unha cidade máis verde, máis saudable e máis consciente ambientalmente”.

No acto de entrega os beneficiarios e beneficiarias recibiron a autorización de uso do respectivo horto por un período de dous anos, así como un kit con material para iniciar o cultivo. Ademais, a institución provincial ofreceralles formación e asesoramento gratuíto para aprender e aplicar diferentes técnicas de horticultura e plantación e optimizar o uso destas parcelas. Do mesmo xeito, os usuarios deberán mantelos en condicións óptimas, reservándose a Deputación o dereito a reclamalos en caso contrario.

Aberto o prazo para solicitar un horto da Deputación


Por outra banda, a institución provincial vén de publicar no Boletín Oficial da Provincia deste luns a apertura do prazo para solicitar unha das parcelas que quedaron dispoñibles no Parque do Rato tras pasar os catro anos de concesión. 

As bases que rexerán esta adxudicación inclúen criterios como: ser maior de idade; estar empadroado no Concello de Lugo ou lindeiros (Castro de Rei, Castroverde; O Corgo; Friol; Outeiro de Rei ou Guntín); estar exentos de obrigas coas administracións públicas; non posuír terreos cultivables no concello de Lugo; e non convivir cunha persoa que teña xa un horto autorizado.

As persoas interesadas poden presentar as correspondentes solicitudes ata o 28 de outubro. Os modelos de instancia, así como o resto de información pode consultarse na web: https://www.deputacionlugo.gal/gl/temas/medioambiente/hortosrato .