A Vicepresidencia da Deputación organiza o quinto Celme de Zanfona, cun programa que afonda no papel central da provincia de Lugo na revitalización deste instrumento
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo impulsa a quinta edición de Celme de Zanfona, un encontro ao redor deste instrumento milenario, que se desenvolverán do 24 ao 26 de outubro no Centro de Artesanía e Deseño de Lugo.
O vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro, o coordinador do programa e director da Colección de Instrumentos e Obxectos Sonoros do Centrad Luciano Pérez, o tenente alcalde de Lugo Rubén Arroxo e a concelleira de Educación e Difusión do Coñecemento Iria Buíde presentaron o encontro, que afondará no papel preponderante da provincia de Lugo e do obradoiro de instrumentos da Deputación segunda revitalización da zanfona en Galiza e que lembrará a Jesús Pérez, artesán que continuou a labor iniciada polo seu pai Paulino Pérez no obradoiro provincial e aos monfortinos Amadeo Goyanes e Guillermo Álvarez.
Esta herdanza histórica que contribuíu a configurar o noso patrimonio cultural e musical exporase en relatorios de Xoan Ramiro Cuba e Pablo Quintana e abordarase na proxección do documental A cega de Miranda e a mudanza dos roles de Ricardo Polín. En liña coa homenaxe ás cantareiras polas Letras Galegas, as clases maxistrais desta edición do Celme dedicaranse ao canto, con sesións impartida por Branca Villares e Xosé Quintas Canella e Antía Riveira, que amosarán a interconexión entre as tradicións actuais e medievais. As actuacións musicais correrán a cargo de Martín Blanes, Cantometrics e Abel Oliveira Miranda, novo talento da interpretación deste instrumento.
O vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro valorou “a consolidación deste encontro que puxemos en marcha coa intención de dinamizar e proxectar o patrimonio musical do Centrad, reunido na Colección de Instrumentos e Obxectos Sonoros, e a bagaxe de formación e investigación xerada durante décadas grazas ao obradoiro de construción de instrumentos, pioneiro na recuperación da zanfona”.
O tenente alcalde de Lugo Rubén Arroxo destacou pola súa banda “a contribución deste encontro a proxectar Lugo como un lugar de referencia no estudo, na construción e na interpretación da zanfona, un instrumento que segue sumando intérpretes como vimos no San Froilán coa estrea do grupo Zarandela”.
As inscricións para participar nas clases maxistrais e nas actividades pechadas do programa poden realizarse a través do enderezo electrónico celmedezanfona@gmail.com.