Deputación de Lugo

A Deputación impulsa a V Feira L de Lugo, que converterá a cidade no epicentro da gastronomía os días 26 e 27 de outubro

Pilar García Porto
Feira L de Lugo
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, presentou xunto á organización da cita, o colectivo ADISLUGO, unha nova edición que acollerá o Pazo de Feiras e Congresos con degustacións, obradoiros, catas e actividades para dar a coñecer as novidades do sector da hostalería e alimentación

“A gastronomía e o turismo son dúas pancas clave para a provincia, e esta feira é unha ferramenta eficaz para darlle visibilidade ao noso produto, apoiar ao sector e xerar oportunidades no territorio”, destacou García Porto 

A V Feira “L de Lugo” converterá a cidade nun punto de encontro imprescindible para profesionais e público os días 26 e 27 de outubro, nunha edición que reunirá máis de 150 bodegas, preto dun milleiro de viños, showcookings, obradoiros especializados, demostracións de coctelería e baristas, e as últimas tendencias do sector. O evento celebrarase no Pazo de Feiras e Congresos e contará co apoio da Deputación de Lugo, que achega 15.000 euros para facer posible esta cita organizada pola Asociación de Distribuidores de Hostalería e Alimentación de Lugo (ADISLUGO), reafirmando así o seu compromiso coa gastronomía, o turismo e o desenvolvemento do territorio.

Durante a presentación oficial celebrada esta mañá no Pazo de San Marcos, a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, subliñou a importancia estratéxica desta feira, afirmando que “a gastronomía e o turismo son dúas pancas clave para a provincia, e esta feira é unha ferramenta eficaz para darlle visibilidade ao noso produto, apoiar ao sector e xerar oportunidades no territorio”. A Deputada destacou que “a Deputación seguirá apoiando o sector porque é motor económico, fixador de poboación no rural e unha das mellores cartas de presentación da provincia”.

Pola súa parte, a representante de ADISLUGO, Isabel Lozano, agradeceu o respaldo da institución provincial e incidiu en que “pasamos de ser un evento puntual, nun momento delicado como foi a pandemia, a ser un evento multitudinario, posto que movemos a máis de 7.000 visitantes e participan máis de 200 expositores tanto nacionais como internacionais”.  


A feira ofrecerá catas comentadas, degustacións guiadas, presentación de produto e demostracións culinarias en directo, defendendo o produto local, a profesionalización do sector e o consumo responsable. 

Con este apoio, a Deputación de Lugo reforza a súa liña de traballo a favor dun modelo turístico sostible, desestacionalizado e ligado ao territorio, que impulse o produto de proximidade, o talento profesional e o potencial gastronómico da provincia.