Deputación de Lugo

A Deputación enxalza en Cervantes a calidade da tenreira dos Ancares na súa xornada gastronómica

Cervantes
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo asistiu este sábado á Xornada Degustación da Tenreira de Ancares, que contou para a súa celebración cunha achega de case 6.500€ da institución provincial

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, asistiu este sábado, en Cervantes,á quinta edición Xornada Degustación da Tenreira de Ancares. A institución provincial achega 6.500€ para a celebración desta iniciativa que organiza a ANPA do colexio da localidade, a cooperativa A Carqueixa e o Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Ancares.

García Porto destacou que a Deputación colabora con esta iniciativa co obxectivo de “promover o territorio e apoiar accións que axudan a dinamizar o rural e a poñer en valor os seus recursos” e puxo en valor a calidade e o sabor da tenreira dos Ancares. “A Deputación ten que estar aquí, apoiando un evento que promove un produto de primeira calidade e recoñece o traballo das familias gandeiras que manteñen vivo o noso rural”, comentou durante un evento que serviu ao redor dunhas 350 racións de carne e congregou a decenas de persoas na localidade cervantega.

A cita contou ademais coa celebración da XIII Feira de Artesanía, e diversas actividades culturais como obradoiros, música tradicional, baile e un acto de homenaxe á cooperativa A Carqueixa. A Xornada Degustación da Tenreira de Ancares naceu co obxectivo de promocionar a calidade do produto e poñer en valor o papel dos gandeiros e do sector primario na Montaña Lucense.