A Deputación celebra o irmanamento entre as Catedrais de Lugo e León que fortalece os lazos cos Camiños do Norte
O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou este sábado na cidade de Lugo no acto de irmanamento entre a Catedral de Santa María de Lugo e a Catedral de León, un fito que reforza a colaboración institucional en torno aos Camiños do Norte. O evento coincidiu co décimo aniversario do recoñecemento dos Camiños do Norte e da Catedral de Lugo como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.
Durante a súa intervención, Pablo Rivera destacou este feito e lembrou que a provincia de Lugo é “terra de portas e de acollemento” desde a orixe do xacobeo. Resaltou que máis de 800 quilómetros de rutas xacobeas percorren o territorio, incluíndo tramos do Camiño Francés, do Camiño Primitivo e do Camiño Norte, así como o Camiño de Inverno e outras rutas históricas como o Camiño do Mar, a Vía Künig e a Vía Regia.
O Deputado lembrou que “o Camiño non é só memoria, senón tamén responsabilidade”, e destacou que estas rutas “son un patrimonio que debemos coidar, unha oportunidade para fortalecer a cohesión territorial, promover o desenvolvemento sostible e dinamizar o medio rural”. Engadiu Rivera Capón que o irmanamento das dúas catedrais “representa un acto simbólico de cooperación, xa que os camiños existen para unir e só se conservan cando se traballa xuntos”.
O programa do acto incluíu unha andaina de peregrinación pola Vía Künig ata a Catedral de Lugo, unha eucaristía no Altar Maior coa intervención do Orfeón Lucense e a presentación da certificación de peregrinación, así como unha visita pola basílica e un concerto do Grupo Solo Voces na igrexa parroquial de San Pedro.