Deputación de Lugo

Unhas 57.000 persoas percorreron a Ribeira Sacra a bordo dos catamaráns da Deputación

Rutas catamarán
En concreto, foron 56.904 viaxeiros os que realizaron estas rutas fluviais que opera a institución provincial polos Canóns do Sil e o río Miño entre o mes de marzo e esta fin de semana, nun verán marcado pola peor vaga de incendios de Galicia

“Temos unha cifra moi sólida de usuarios e usuarias ano tras ano, o que demostra a forte atracción turística desta proposta e do traballo serio e comprometido da Deputación de Lugo”, valorou a Deputada de Turismo, Pilar García Porto

Unhas 57.000 persoas percorreron este ano a Ribeira Sacra a bordo dos catamaráns da Deputación de Lugo. En concreto, foron 56.904 viaxeiros os que realizaron estas rutas fluviais que opera a institución provincial polos Canóns do Sil e do río Miño entre o mes de marzo e esta pasada fin de semana, nun verán marcado pola peor vaga de incendios de Galicia do último século.


“Temos unha cifra sólida de usuarios e usuarias ano tras ano, o que demostra a forte atracción turística desta proposta e do traballo serio e comprometido da Deputación”, valorou a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto. Lembrou que a temporada alta viuse moi condicionada polos lumes que golpearon Galicia no verán, a peor vaga do último século, pola que incluso chegouse a interromper o servizo de catamaráns durante un día completo para facilitar os labores de extinción.


García Porto destacou que esta aposta da Deputación de Lugo forma parte da estratexia provincial por un turismo de calidade, sostible e de experiencias. “As rutas fluviais xeran un efecto multiplicador en termos de pernoctas e de consumo, contribuíndo así de maneira directa á dinamización económica, da hostalería, do turismo e do comercio nesta comarca”, valorou. 

 

A ruta de Canón do Sil, que parte do embarcadoiro de Ponte do Sil de Monforte de Lemos, rexistrou un total de 43.495 persoas, e na do Cabo do Mundo, con saída de Santo Estevo en Belesar, foron 13.409 viaxeiros.

 

Un 30% de orixe internacional


Este ano percorreron as rutas fluviais persoas procedentes de 37 países, a meirande parte deles de Europa, destacando as que chegan de Francia, Alemaña e Portugal; pero tamén houbo viaxeiros orixinarios de América, Asia ou mesmo África. Case o 70% dos usuarios e usuarias que percorreron a Ribeira Sacra a bordo dos catamaráns da Deputación son de orixe nacional; sendo as provincias galegas a procedencia máis habitual, seguidas de Madrid, Barcelona, Asturias, Valencia ou Biscaia.


Uns 700 viaxeiros nesta Ponte


Durante esta Ponte festiva da Constitución foron case 700 persoas as que realizaron algún destes dous itinerarios, en concreto 683 viaxeiros. Uns datos contabilizados dende o luns 1 de decembro ata o luns 8 de decembro, período no que se reforzou o servizo en ambos embarcadoiros con maior frecuencia de navegacións.

A ruta que parte de Ponte do Sil foi a elixida por 575 persoas e, pola súa banda, a de Belesar escollérona 108 persoas.