Deputación de Lugo

Carmela López en FITUR: “Ides encontrar en min unha aliada firme para que A Mariña teña a visibilidade que merece”

carmela lópez
FITUR
A Mariña
A Presidenta da Deputación participou este xoves no stand de Galicia na feira de turismo internacional na presentación da campaña promocional da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, A Mariña unha viaxe a identidade

A mandataria provincial mantivo tamén, xunto á Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, varios encontros con representantes do sector turístico

A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, participou hoxe na presentación da nova campaña promocional da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, que baixo o título A Mariña, unha viaxe á identidade rendeu homenaxe ás Caracolas que foron as mulleres pioneiras do turimo da Mariña. 
Durante o acto, Carmela López subliñou a importancia de reforzar a proxección exterior da comarca e o compromiso da institución provincial coa súa promoción. “Nesta Deputación ides atopar en min unha aliada firme para que A Mariña teña a visibilidade que merece”, afirmou López, quen puxo en valor a identidade propia do territorio como eixo fundamental da campaña presentada e como elemento diferenciador da oferta turística mariñá. 


A Presidenta referiuse tamén á historia das Caracolas, como un exemplo que resume a esencia da Mariña: mulleres que chegaban desde o interior en busca de saúde, descanso e benestar, e que atoparon na Mariña un lugar que “coida, que cura e que reconcilia co ritmo da vida”. Unha realidade que, segundo explicou López, “conecta directamente co modelo de turismo que se busca hoxe e no que traballamos dende hai anos na Deputación, un modelo ligado ao territorio, á cultura, ás persoas e á identidade”.


Así mesmo, a mandataria provincial felicitou á Mancomunidade con Rocío López ao fronte e aos concellos que a integran, polo acerto de construír un relato baseado na esencia da Mariña, “recuperando a súa memoria e proxectándoa cara ao exterior con orgullo e coherencia”, aseverou. 


As Caracolas, pioneiras do turismo da Mariña


A campaña A Mariña, unha viaxe á identidade pon en valor o poder sanador do mar, o goce do tempo e un modelo de turismo de benestar e consciente, tendo como protagonistas ás Carolas ou tamén coñecidas como Canouras. A finais do século XIX e, especialmente, ao longo do século XX, estas mulleres procedentes dos municipios do interior da provincia achegábanse á costa mariñá para tomar os populares baños de mar, unha tradición que se consolidou tanto por prescrición médica como por recomendación de persoas coñecidas. 


Esta homenaxe á figura das Carolas forma parte das propostas turísticas que vén desenvolvendo a Mancomunidade ao abeiro do Plan de Sostibilidade Turística na Mariña Lucense (PST), afondando na identidade do territorio a través dos seus valores, das súas tradicións e das súas xentes, e avanzando na recuperación e posta en valor dun patrimonio inmaterial propio da comarca.


Presenza en FITUR


No marco da súa presenza en FITUR, a Presidenta mantivo tamén, xunto á Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, varios encontros con representantes do sector turístico, co obxectivo de intercambiar impresións e coñecer de primeira man as iniciativas e necesidades do sector.


Lembrou ademais que mañá venres 23 de xaneiro, ás 12:30 horas, no stand de Galicia, presentará oficialmente a campaña Provincia de Lugo, Reserva Natural, que pon en valor a riqueza ambiental da provincia e aposta por un turismo sostible, non masificado e vinculado ao territorio. O acto estará conducido por David Vilares e contará coa participación do cineasta Oliver Laxe, en representación da Asociación SER e da Reserva dos Ancares Lucenses; e de Martiño Cabana, da Asociación Galega de Custodia do Territorio, pola reserva de Terras do Miño. Ademais, realizarase a estrea dun audiovisual promocional, que marca o inicio dun proxecto máis amplo de difusión da singularidade da provincia a nivel estatal.