Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

A Presidenta reivindica o “liderado feminino” na Gala dos Premios Empresarias Galicia

mulleres empresarias
Carmela López asistiu este venres á entrega destes galardóns en Santiago que distinguiron a cinco mulleres pola súa traxectoria no ámbito empresarial e entre as que se atopa Mercedes Toscano, a viveirense e directora executiva da fábrica de lambonadas Minimelis

A mandataria provincial felicitou ás premiadas e puxo en valor “a súa capacidade de poñer en marcha proxectos innovadores, sostibles, que xeran riqueza no territorio e numerosos postos de traballo”

A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, asistiu este venres en Santiago de Compostela á décima edición da Gala de Entrega dos Premios Empresarias de Galicia 2026,que recoñecen a traxectoria profesional de cinco galegas que representan valores de liderado, sustentabilidade e arraigo en Galicia. Unha das premiadas foi Mercedes Toscano, a viveirense e directora executiva da primeira fábrica de lambonadas sen azucre de Galicia, quen recibiu o galardón na categoría de emprendemento.

Carmela López felicitou ás premiadas destacando o “seu liderado feminino no tecido empresarial galego” así como “a súa capacidade de poñer en marcha proxectos innovadores, sostibles, que xeran riqueza no territorio e numerosos postos de traballo”. Realizou unha mención especial á mariñá Mercedes Toscano quen “tras a súa traxectoria profesional en América Latina impulsou un proxecto pioneiro en Galicia que traballa xa con grandes empresas nacionais e internacionais”.

Xunto á viveirense recibiu o galardón na categoría de empresaria do ano a fundadora da tenda de moda Coosy, Virginia Pozo; o premio á traxectoria profesional foi para a presidenta das empresas galegas INASUS, METALDEZA e O Muiño; a creadora de contido Lucía Freitas acadou o recoñecemento na categoría Impacto Social; e Luz Pardo, CEO de Gestán Conteco e fundadora de Cafés Lúa e Espazo Nature obtivo unha mención de honor. 

O acto, que tivo lugar no Hotel San Francisco, reuniu a centos de persoas, profesionais de tecido empresarial galego e social, así como numerosos representantes políticos como o Presidente da Deputación de Coruña, Valentín González Formoso, a Alcaldesa de Santiago de Compostela, GorettiSanmartín Rei, e o Delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco Lobeiras, entre outros.