Deportes e mocidade
Deputación de Lugo

A Vicepresidencia destaca a implicación da SD Monterroso na acollida das persoas que se aloxaron no centro de refuxiados da localidade

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
Deportes
SD MONTERROSO
CENTRO DE REFUXIADOS
INMIGRANTES
Deportes apoiou o labor do club, que mellorou a vida das persoas acollidas e facilitou a integración e a convivencia

O vicepresidente da Deputación Efrén Castro valorou a implicación da SD Monterroso na acollida das persoas que se aloxaron no centro de refuxiados da localidade.

Desde a apertura do centro, en setembro de 2024, o club abriu as portas ao colectivo migrante, ofrecéndolles o fútbol como unha alternativa de ocio e unha plataforma desde a que relacionarse e convivir co resto da veciñanza.

A iniciativa contou coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que apoiou economicamente ao club cunha achega de 5.000 euros para a compra de material deportivo e a organización de entrenamentos e actividades de convivencia que converteron Os Cerdeiriños nun espazo de acollida.

O vicepresidente da Deputación mantivo a semana pasada un encontro coa directiva e con xogadores do primeiro equipo da SD Monterroso que valoraron a experiencia destes meses nos que compartiron sesións de adestramento con migrantes e incorporaron ao equipo ao senegalés Bouba Cissé.

Efrén Castro destacou “a iniciativa e a capacidade de liderado social do club que desde o primeiro momento se puxo do lado dos dereitos humanos e da solidariedade contribuíndo a normalizar a presenza das persoas migrantes na localidade e que sostivo ese compromiso no tempo, con accións concretas que melloraron a vida desas persoas e facilitaron a integración e a convivencia”.

Na reunión, confirmouse tamén a vontade do club de profundizar neste labor, organizando un  torneo amistoso entre equipos formados por migrantes e programando viaxes co equipo pola provincia.