O atletismo lucense conta cun novo equipo de video finish financiado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo
O atletismo lucense conta cun novo equipo de videofinish, un sistema de cronometraxe necesario para a homologación de marcas atléticas, financiado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo
O vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro e o tenente alcalde de Lugo Rubén Arroxo interesáronse polo funcionamento do equipo durante a terceira das Xornadas de Atletismo Deputación de Lugo que se celebrpu o pasado venres nas pistas do Gregorio Pérez Rivera, en Lugo.
O equipo, que supuxo un investimento de 26.000 euros, estará a disposición do atletismo lucense para a organización de probas deportivas que requiran dun equipo homologado e válido para determinar marcas e resultados.
O vicepresidente Efrén Castro sinalou que “o atletismo está experimentando un gran pulo na provincia grazas ao traballo dos propios clubs e adestradoras e adestradores. Acompañar esta demanda atlética require recursos como este sistema de videofinish, que amplía o equipamento de cronometraxe da Federación para as probas que se celebran na provincia”
A provincia de Lugo conta na actualidade con 20 clubs federados -Agrupación Deportiva Rego do Lobo, CA Ría de Foz, CA A Gándara, Franciscanos, Atletismo Friol, CA Lourenzá, Lucus Caixa Rural Galega, Atletismo Ribadeo, CA Vilalba, CD Biosbardo, Fluvial de Lugo, Egovarros de Viveiro, Polideportivo Lucense, Maristas, Verxel Nutrición Deportiva, Escola Atlética Lucense, Galopol Atletismo, Club Running Lugo, Maderas Barcia Lourenzá Cervo e Muller en Forma –, que suman máis de 1.300 licenzas federativas.
Xornadas de Atletismo Deputación de Lugo
A terceira xornada de atletismo -as anteriores celebraronse o 30 de xaneiro e o 21 de febreiro – reuniu o pasado venres no Gregorio Pérez Rivera máis 350 rapazas e rapaces entre 8 e 12 anos, de distintos puntos da provincia, que participaron en diferentes probas de lanzamento e velocidade.
As xornadas, financiadas pola Deputación de Lugo a través dunha subvención de 11.000 euros, son citas valoradas especialmente para as categorías de base xa que permiten adquirir experiencia competitiva eábrenlles o camiño a acadar marcas para participar en campionatos galegos e estatais.