Carmela López inicia en Cabo Verde a súa axenda institucional con visitas a Praia, Ribeira Grande de Santiago e Porto Mosquito
A Presidenta da Deputación de Lugo e Alcaldesa de Burela, Carmela López, iniciou en Cabo Verde a súa axenda institucional cunha primeira xornada na que visitou a capital, Praia, e os municipios de Ribeira Grande de Santiago e Porto Mosquito, onde mantivo encontros con responsables das cámaras municipais (alcaldes en España), con familiares e amizades de veciños e veciñas caboverdianas residentes en Burela e coa embaixadora de España no país, Ana Paredes. A visita permitiulle coñecer de primeira man territorios que manteñen unha estreita relación social e migratoria coa comarca da Mariña, especialmente con Burela, onde reside unha importante comunidade caboverdiana.
Durante a xornada, López mantivo reunións con representantes municipais das localidades visitadas para intercambiar impresións sobre a realidade social e económica destes territorios e reforzar os vínculos institucionais entre Cabo Verde e a provincia de Lugo. No marco da visita a Porto Mosquito, López achegouse ao Bar Galycia, un establecemento rexentado por veciños vinculados con Burela e que simboliza os lazos sociais e culturais entre ambos territorios. Ademais, puido visitar vivendas de familias con relación coa comunidade burelesa e coñecer a actividade pesqueira que se desenvolve na zona.
“Para nós é moi importante poder visitar estes lugares e coñecer a realidade das familias das que proceden moitos veciños e veciñas de Burela. A relación entre Cabo Verde e a comarca da Mariña vai moito máis alá da emigración: son vínculos humanos, familiares e culturais moi fortes”, sinalou.
Embaixadora de España en Cabo Verde
No marco da súa visita institucional, Carmela López mantivo tamén un encontro coa embaixadora de España en Cabo Verde, Ana Paredes, a quen trasladou a necesidade de reforzar a atención consular á comunidade caboverdiana residente na provincia de Lugo. Explicou que moitos destes veciños e veciñas teñen que desprazarse actualmente a Lisboa ou a Madrid para realizar trámites como a renovación de pasaportes ou outras xestións documentais. Aínda que recentemente se conseguiu que persoal consular se desprace a Burela nunha xornada para facilitar estes trámites, López sinalou que esta medida resulta insuficiente e plantexou a posibilidade de que estas visitas se realicen polo menos cada seis meses.
“A comunidade caboverdiana é unha parte esencial da nosa provincia e debemos facilitar ao máximo a realización destes trámites. Moitas destas persoas traballan no mar e pasan semanas embarcadas, polo que cando regresan supón un esforzo moi grande ter que viaxar tan lonxe para resolver cuestións administrativas”, indicou.
Participación no II Encontro Internacional de Mulleres Electas
Carmela López participa estes días en Praia no II Encontro Internacional de Mulleres Electas ‘As Elixidas’, organizado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade xunto coa Asociación Nacional de Municipios de Cabo Verde.
O foro reúne a máis de 130 alcaldesas e concelleiras de Cabo Verde, Mozambique e Galicia baixo o lema “Electas no local, unha voz global”, co obxectivo de compartir experiencias e avanzar na participación efectiva das mulleres no poder local.
No marco deste encontro internacional, Carmela López participará como relatora na mesa dedicada ás boas prácticas municipais con enfoque de xénero, na que compartirá a súa experiencia institucional tanto á fronte da Deputación de Lugo como na súa traxectoria no ámbito municipal.
A presidenta provincial destacou a importancia deste tipo de espazos de cooperación entre administracións locais para avanzar na igualdade e fortalecer redes internacionais de colaboración entre mulleres que exercen responsabilidades públicas.