O II Serán converterá O Vicedo en punto de encontro da música tradicional co apoio da Deputación
A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López Moreno, participou este luns na Casa da Cultura do Vicedo na presentación do II Serán, a cita que se celebrará no campo da festa da parroquia de Negradas este sábado, 21 de marzo. O evento, que inclúe unha ampla e variada programación, está organizado pola Asociación cultural Os do 21, entidade coa que a institución provincial mantén un importante compromiso achegando 21.000€ para financiar actividades coma esta e colaborar cos gastos de mantemento do colectivo.
Carmela López puxo en valor que “a Deputación é o concello dos concellos” e destacou que “apoiar o rural é unha das principais liñas de acción que vertebra o noso Goberno. Por iso, estamos ao carón de entidades coma esta, para que poidan desenvolver actividades que dinamicen as nosas parroquias e contribúan a manter vivas as nosas tradicións”.
Nese sentido, a mandataria agradeceu o esforzo desta Asociación que leva máis de 40 anos realizando diversasiniciativas para fomentar a música e o baile tradicional da man “dos seus grupos compostos tanto por nenos como por adultos”. Recordou ademais que “é a única agrupación deste tipo no concello do Vicedo”.
A programación que hai prevista para celebrar o II Serán inclúe un obradoiro de percusión que impartirá Óscar Fojo, dirixido tanto a público adulto como infantil; un concerto do Grupo Os Carecos; música e baile tradicional da man dos Acordeonistas da Mariña ou Os Netos do Escribano; e unha comida popular, entre outras propostas. Ao acto de presentación desta cita tamén asistiu a presidenta da Asociación, Noelia Piñeiro García, acompañada doutros membros do colectivo, así como outras autoridades.
Apoio ao colectivo
A colaboración con asociación cultural Os do 21 serve para apoiar a súa actividade, como o mantemento das instalacións, a indumentaria e materiais para as actividades culturais, o transporte, a elaboración de carteis para dar publicidade ás súas iniciativas, servizos de asesoría ou os seguros de responsabilidade civil.
Na actualidade, a agrupación folclórica é a única asociación destas características no concello do Vicedo e conta con diferentes grupos segundo as idades dos seus integrantes: As Folerpas, con nenos e nenas de entre 6 e 12 anos; As Faiscas, para mozos e mozas de entre 12 e 15 anos; As Ferriñas, entre 14 e 22 anos; As Furelas, grupo de iniciación para persoas adultas; e Os do 21, que é o grupo adulto.