A Presidenta e o Alcalde visitan a EDAR de Lugo na semana que se conmemora o Día Mundial da Auga
As cidades sostéñense, en gran medida, sobre todo aquilo que non vemos”, sinalou a mandataria provincial, para quen esta infraestrutura fai “un traballo silencioso, técnico, constante e absolutamente decisivo para a saúde ambiental da cidade”
A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, e o Alcalde de Lugo, Miguel Fernández, visitaron este martes a Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) da capital da provincia, situada á beira do río Miño. Na semana na que se conmemora o Día Mundial da Auga, percorreron xuntos as instalacións, acompañando aos escolares entre 3º e 6º de Primaria do CEIP Virxe da Luz de Portomarín.
“As cidades sostéñense, en gran medida, sobre todo aquilo que non vemos. Non vemos as redes de saneamento, non vemos as estacións de tratamento, non vemos o traballo que hai detrás de cada proceso, pero todo iso é o que permite que algo tan simple como abrir a billa funcione”, sinalou a mandataria provincial durante a súa visita. Nese sentido, destacou que esta infraestrutura, que trata cada ano 24 millóns de metros cúbicos de augas residuais fai “un traballo silencioso, técnico, constante e absolutamente decisivo para a saúde ambiental da cidade”.
Pola súa banda, Miguel Fernández destacou que Lugo conta hoxe “cun sistema moderno e eficiente que garante todo o percorrido da auga” e que “a EDAR de Lugo é unha peza fundamental deste sistema”, “unhas instalacións de primeiro nivel que converten a Lugo nun referente nacional na xestión sostible do ciclo da auga e que permiten garantir un servizo esencial para toda a cidadanía”.
Auga e igualdade de xénero é a temática principal deste 22 de marzo, cando se conmemora o Día Mundial da Auga. Baixo o título Onde flúe a auga, crece a igualdade, as Nacións Unidas centran este ano a súa campaña na idea de que a auga non é só unha cuestión ambiental, senón tamén social e de xustiza. As mulleres e as nenas son as máis prexudicadas pola escaseza deste ben en moitas rexións, sendo elas as que a recollen e as que a administran no fogar.