A Deputación destaca o poder catalizador do turismo para o desenvolvemento económico da Mariña
Destacou Cajoto o papel da institución provincial para a mellora das infraestruturas; a conservación do patrimonio; a dinamización dos produtos locais; a creación de emprego vencellado ao sector; ou o acompañamento a emprendedores
O Deputado de Recursos Sostibles e Alcalde de Foz, Francisco Cajoto, destacou este xoves o papel do turismo como motor do desenvolvemento económico da Mariña Lucense durante a mesa sectorial organizada por A Mariña Federación no Salón de Actos do CENIMA de Foz. O encontro tiña como obxectivo analizar a incidencia e evolución do impacto dos visitantes da comarca no comercio, na hostalaría e nos servizos locais.
Cajoto resaltou a importancia do papel da institución provincial na mellora das infraestruturas, na conservación do patrimonio, na dinamización dos produtos locais, na creación de emprego vinculado ao sector e no acompañamento a emprendedores. Ademais, subliñou a achega de 25.000 € que a Mancomunidade de Municipios da Mariña recibe da Deputación de Lugo para desenvolver accións que consolidan a comarca como xeodestino de referencia.
“Se analizamos o que pasou na Mariña nos últimos quince ou vinte anos, o primeiro que vemos é un cambio profundo no papel do turismo dentro da economía da comarca”, valorouCajoto. “A zona pasou dun modelo moi concentrado no verán, con impacto limitado, a outro no que o turismo funciona como un sistema económico máis amplo”, engadiu.
Na mesa redonda tamén participaron Tania Hermida, xerente da Mancomunidade; Paloma Vázquez, Xefa provincial de Turismo da Delegación da Xunta en Lugo; Carmen Cruzado, responsable da Mariña Federación; e representantes do tecido económico da contorna.